Concello de Sanxenxo - A REFORMA DO PAVILLÓN DE VILALONGA ARRINCA COAS ESCAVACIÓNS EXTERIORES DE TERRA PARA SANEAR O MURO E EVITAR FILTRACIÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


A empresa adxudicataria das obras é Construcións Castro Figueiro e conta cun orzamento de case 231.000 euros

A reforma do pavillón de Vilalonga arrincou esta mañá coas escavacións de terra no perímetro exterior das instalacións. Os traballos continuarán durante os próximos días nunha lonxitude aproximada de 60,20 metros na fachada oeste e 32,50 metros nas fachadas norte e sur, respectivamente. Este baleirado de terra execútase co obxectivo de sanear o muro e evitar a entrada por filtración e capilaridad de auga no interior da instalación deportiva.

A empresa adxudicataria das obras é Construcións Castro Figueiro e contará cun orzamento de case 231.000 euros para acometer a actuación a través dun convenio asinado entre o Concello e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Este pavillón está a ser utilizado polo IES de Vilalonga para realizar as clases de Educación Física e tamén polo Club Sanxenxo de Balonmán para os seus adestramentos.

O proxecto contempla a impermeabilización dos voladizos e da cuberta. Tamén se inclúe a reparación dos falsos teitos nos baños do ximnasio e un vestiario para árbitros. A actuación inclúe, ademais, o pintado da totalidade das estruturas metálicas como cerchas, varandas e soportes ante a aparición de mostras evidentes de oxidación. Ademais, substituiranse a totalidade das portas de vestiarios e acceso a baños  por unhas de aluminio cunha maior resistencia ao desgaste e á humidade que as actuais.

En determinadas zonas da instalación deportiva desprendéronse os revestimentos verticais principalmente de gresite na planta alta. Substituiranse polo mesmo material xa que se trata dun material actualmente en uso. Na zona de xogo, o núcleo de escaleiras e o ximnasio realizarase o pintado, previo decapado da pintura desconchada e en mal estado. Tamén se cambiará pavimento deportivo e substituirase por un novo pavimento de PVC de 6,7 mm de espesor. Á súa vez inclúese este pavimento no núcleo de escaleiras e o ximnasio, situado baixo a bancada.

Na actualidade, o ximnasio carece dunha ventilación adecuada para o correcto uso. Para atallar o problema proxéctase a instalación dun sistema de ventilación forzada que asegure unha renovación do aire óptima. Para mellorar a seguridade na bancada cambiarase a disposición das pezas horizontais a verticais e adecuaranse os banzos de acceso.

0
0
0
s2sdefault