Concello de Sanxenxo - STOP ACCIDENTES CONMEMORA EN SANXENXO O DÍA MUNDIAL EN RECORDO ÁS VÍTIMAS DE SINISTROS DE TRÁFICO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

No acto que tivo lugar no CEIP da Florida, os escolares participaron na plantación dunha árbore no patio como símbolo de vida

Escolares de Infantil e Primaria do colexio da Florida participaron esta mañá no acto organizado por Stop Accidentes en Sanxenxo para conmemorar o Día Mundial en Recordo ás Vítimas de Sinistros de Tráfico que terá lugar o vindeiro domingo. Na actividade que tivo lugar no CEIP A Florida, o alumnado colaborou na plantación dunha árbore de folla perenne, un aligustre, doado polo Concello, no patio do centro como símbolo de vida e en memoria das vítimas dos sinistros viarios.

Sandra Pérez, membro de Stop Accidentes e veciña de Sanxenxo, destacou a importancia do municipio en educación viaria. "Ata agora en Galicia este acto só se facía na Coruña e creo que Sanxenxo que é punteiro en educación viaria tamén debe telo. A idea é facelo cada ano nun centro educativo", explicou. "Sanxenxo leva anos sementando educación viaria e hoxe plantamos unha árbore como símbolo da vida", dixo Pérez.

Ao acto asistiron os concelleiros de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá, Yago Torres e Xoán Pérez, e a concelleira de Educación, Nati Parada. O policía local, Abelardo Martínez, o Poli Paco, que tamén participou, dirixiuse ao alumnado para falarlles da importancia da vida e do cumprimento das normas de tráfico para preservala. "Este é un colexio moi implicado coa educación viaria e ten incluso un circuíto viario na entrada do centro e fanse moitas actividades. Este acto é unha forma de deixar constancia da importancia da seguridade viaria", sinalou.

Pola súa banda, o edil de Seguridade Cidadá agradeceu a Stop Accidentes a iniciativa e incidiu na importancia de Sanxenxo na educación viaria a nivel nacional. "O excelente traballo que realiza o noso axente Abelardo Martínez co Poli Paco en educación viaria foi recoñecido con varios premios nos últimos anos e axudou a Sanxenxo a situarse como referente", explicou.

0
0
0
s2sdefault