Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITA A REHABILITACIÓN DA PASARELA DA SENDA DOS CARBALLOS DE ALDARIZ EN BORDÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación, subvencionada por Turismo de Galicia a través dos fondos Next Generation, está valorada en 96.800 euros

O Concello de Sanxenxo acaba de licitar a pasarela da senda dos carballos de Aldariz en Bordóns. A actuación, subvencionada por Turismo de Galicia a través dos fondos Next Generation, está valorada en 96.800 euros, consiste na mellora e recuperación da estrutura, así como a substitución do tableado e varanda que presentan importantes deficiencias polo paso do tempo e as condicións climatolóxicas. Os traballos tamén requirirán un control da masa forestal nas marxes da pasarela. O prazo de execución dos traballos estímase en seis semanas.

O trazado da pasarela segue un itinerario de ida e volta que ten o seu inicio no núcleo de Outeiro, pasa por un lavadoiro, segue ata un muíño e remata na parte posterior deste onde existe un estanque de evacuación do caudal de auga. Aínda que a pasarela ten un ancho uniforme de dous metros, no inicio ten un sobreancho que se aproxima aos 4 metros.

Esta ruta é a única senda do interior co distintivo de Sendeiro Azul. A Ruta dos Carballos de Aldariz discorre pola zona máis alta de Bordóns, partindo da parroquia de Padriñán, concretamente do lugar de Aldariz. Trátase dunha ruta circular de 6.300 metros e a duración media para percorrelo é de hora e media cunha dificultade media, xa que a altitude mínima é de 72 metros e a máxima, de 234 metros. Os puntos de interese que atravesa este sendeiro son a aldea de Aldariz, o Con da Ventureira, Chan da Gorita, Carballeira de Leirana e o núcleo de Bordóns cos muíños de auga e a igrexa parroquial. Este sendeiro conta con paneis informativos que dividen en dúas partes a ruta para dar a oportunidade de facela en dous tramos.

logos

0
0
0
s2sdefault