Concello de Sanxenxo - A REFORMA DO PAVILLÓN DE VILALONGA AVANZA COA DEMOLICIÓN PARA AMPLIAR O XIMNASIO E O PINTADO INTERIOR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A reforma do pavillón de Vilalonga avanza a bo ritmo. O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Obras e Servizos, Yago Torres, visitaron as obras acompañados da empresa adxudicataria dos traballos. Debido ao mal tempo rexistrado nas últimas semanas e as condicións do terreo, a actuación concentrouse no interior co pintado das cerchas, a colocación da nova varanda nas bancadas e as demolicións para a ampliación do ximnasio.

A actuación contempla un saneamento do muro exterior para evitar as filtracións de auga ao interior das instalacións, así como a impermeabilización dos voladizos e da cuberta. Tamén se inclúe a reparación dos falsos teitos nos baños do ximnasio e habilitarase un vestiario para árbitros que xa está en execución.

Ademais, substituiranse a totalidade das portas de vestiarios e acceso a baños de vestiario por portas de aluminio cunha maior resistencia ao desgaste e á humidade que as actuais. En determinadas zonas da instalación deportiva desprendéronse os revestimentos verticais principalmente de gresite na planta alta. Substituiranse polo mesmo material xa que se trata dun material actualmente en uso. Na zona de xogo, o núcleo de escaleiras e o ximnasio realizarase o pintado, previo decapado da pintura desconchada e en mal estado. Tamén se cambiará pavimento deportivo en mal estado e substituirase por un novo de PVC de 6,7 mm de espesor. Á súa vez inclúese este pavimento no núcleo de escaleiras e o ximnasio, situado baixo a bancada.

Na actualidade, o ximnasio carece dunha ventilación adecuada para o correcto uso. Para atallar o problema proxéctase a instalación dun sistema de ventilación forzada que asegure unha renovación do aire óptima. Seguiranse as recomendacións de operación e mantemento dos sistemas de climatización e ventilación de edificios e locais para a prevención da propagación do sars-cov-2 do Ministerio de Sanidade. Ademais, ampliouse este espazo coa demolición dunha sala de caldeira en desuso e uns baños.

0
0
0
s2sdefault