Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTARÁ ESTE NADAL CUNHA PISTA DE XEO E UN ESPECTÁCULO PIROMUSICAL EN FIN DE ANO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os Reis Magos desprazaranse en coches antigos convertibles na tradicional cabalgata que partirá desde a lonxa de Portonovo e concluirá na Praza dos Barcos

O Concello de Sanxenxo segue apostando polo Nadal como a terceira tempada alta tras o verán e a Semana Santa cunha programación que arrinca o 1 de decembro e que se prolongará ata o próximo 7 de xaneiro. O aceso da iluminación do Nadal con Entretendas, na Praza de Pascual Veiga o vindeiro venres 1, ás 18 horas, servirá para dar o pistoletazo de saída das actividades programadas durante as festas como o Ice Park Sanxenxo, un espazo de diversión con pista de xeo, unha pista americana de obstáculos, simuladores e actuacións que se situará no parking de Nauta Sanxenxo. A actividade terá un custo de 7 e 5 euros con posibilidade de bonos para dúas actividades por 10 euros. A outra gran novidade deste ano será o espectáculo piromusical de Fin de ano, unha actividade xa consolidada na despedida do ano no municipio, pero que nesta edición contará con mestura de música e fogos de artificio. "Sanxenxo envórcase un ano máis co Nadal con importantes novidades e coa implicación dos colectivos nas distintas parroquias cunha oferta diferenciada e atractiva pensada para o goce de toda a familia", asegura Elena Torres, concelleira de Cultura e Eventos.

Os colectivos volven involucrarse un ano máis co Nadal realizando as súas propias actividades en colaboración co Concello como a Aldea Do Nadal organizada por Os Cruceiros de Vilalonga, desde o 1 ata o 6 de xaneiro, na Praza Pública ou o Bosque do Nadal da Asociación Xuvenil A Esmorga, na Carballeira de Noalla, desde o 6 de decembro ata o 6 de xaneiro. A Asociación Rúa dos Viños de Portonovo levará o espírito do Nadal á rúa cun mercado, talleres, animación e música.

Sanxenxo conta cunha programación pensada para toda a familia na que non faltará o teatro, Ris Nivel de Baobab Teatro, dentro do programa Tornar ás Táboas nin tampouco o espectáculo como o Pequeno circo de Nadal ou o cinema de 360º. As bibliotecas servirán de escenario para contacontos e panxoliñas con Axóuxeres e Panxoliñas de Nadal, na Biblioteca de Portonovo; Brilla Brilla, contacontos de primeira infancia na Biblioteca de Sanxenxo e NoNadal toca Maxia na Biblioteca de Vilalonga. Abiñadoira participará co Nadal Foliadeiro, con alborada e unha actuación na Praza de Pascual Veiga, e a Asociación Cultural Soalleira, farao con Panxoliñas co Apalpador.

A Casa Mariñeira de Portonovo acollerá o 24 de decembro a recepción de Papa Noel desde as 18 ata as 19:30 horas. O esapcio poderá visitarse ata o 7 de xaneiro. O Club Ciclista Corbelo organizará o seu tradicional Ciclocabalgata de Papa Noel con saída desde a piscina.

Non faltarán os Obradoiros de Nadal, do 26 ao 29 de decembro na Casa de Cultura de Adina, previa inscrición en sede electrónica nin tampouco un Showcooking de Cociña de Nadal a cargo do Obradorio de Hostalaría do Salnés ou a Sesión Vermú coa Reina del Vudú. Pensando no público infantil, o Concello levará o espectáculo "Os Bolechas: Búscase" ao Pazo de Emilia Pardo Bazán o 28 de decembro con entrada gratuíta ata completar aforo.

Sanxenxo despedirá o ano ao grande o 31 de decembro coa Queima do teu calendario da Asociación O Cubreiro e o Chapuzón por unha Ilusión, unha iniciativa solidaria coa Fundación Aladina na praia de Silgar. Pola noite, a partir das 20 horas, o espectáculo piromusical desde o porto deportivo de Sanxenxo.

O 5 de xaneiro o Tren Mago percorrerá as parroquias desde as 11 horas como previa á Cabalgata dos Reis Mago que partirá ás 16:30 desde a Lonxa de Portonovo coas súas Maxestades en coches antigos convertibles e concluirá na Praza dou Barcos cunha recepción. Pola mañá, ás 12:30 horas, a Asociación Soalleira realizará a tradicional Danza de Reis. O 6 de xaneiro, a Banda de Música de Sanxenxo celebrará a partir das 19:30 horas o tradicional Concerto de Reis.

O 7 de xaneiro, na Praza de Pascual Veiga, fallarase o concurso de Deslumbra co teu Nadal no que se repartirán 3.250 euros entre as mellores decoracións de particulares e negocios.

[PDF] PROGRAMA SANXENXO NO NADAL 2023

0
0
0
s2sdefault