Concello de Sanxenxo - O BIG DATA REVELA QUE SANXENXO RECIBIU NO MES DE OUTUBRO 175.560 VISITANTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O décimo mes do ano supera xa a xaneiro, febreiro, marzo e mesmo maio

A análise do 'big data' e a xeolocalización do móbil de Orange contratado a través da Mancomunidade do Salnés revela que Sanxenxo recibiu no mes de outubro 175.560 visitantes, é dicir, persoas que se desprazaron a Sanxenxo, pero non se hospedaron, dos que 167.332 foron españois e 8.228 foron estranxeiros. É unha cifra moi importante, que incide no atractivo desta vila á hora de atraer persoas de fóra. Pero se se considera como turistas a aqueles que fixeron noite, a cifra segue sendo notable. Foron 47.391 persoas entre nacionais e estranxeiros. Estes datos reflicten o potencial turístico do municipio en tempada baixa e o interese que segue espertando fóra da tempada estival.

A cifra de outubro supera xa os datos rexistrados en xaneiro (82.469), febreiro (93.537), marzo (96.931) e mesmo maio (156.052) deste ano. A ferramenta de Orange permite medir a presenza da poboación, a mobilidade, a orixe dos visitantes, o seu comportamento e o seu perfil sociodemográfico e utilizar todos estes datos como indicadores de negocio. A recollida de datos leva a cabo de forma fiable, áxil e adaptada ás necesidades reais grazas á rede móbil, que adquire a información dos dispositivos de clientes de Orange e de usuarios con tarxetas SIM con itinerancia de Orange.

En canto aos datos do INE, Sanxenxo rexistrou 62.353 pernoitas hostaleiras durante o pasado mes de outubro e 23.345 viaxeiros. A cifra é lixeiramente inferior á rexistrada durante o mesmo período do ano pasado, 63.058 pernoitas.

Un e outro estudo axudan a coñecer mellor o comportamento turístico do municipio a través dos datos diferentes que achegan e que axudan a trazar estratexias efectivas de atracción de visitantes en determinadas épocas do ano.

0
0
0
s2sdefault