Concello de Sanxenxo - A MESA LOCAL DE VIOLENCIA DE XÉNERO DE SANXENXO AMPLÍA OS SEUS MEMBROS E INCREMENTARÁ A FRECUENCIA DE REUNIÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello presenta un protocolo de actuación para a derivación a aloxamentos locais por casos de violencia de xénero

A Mesa Local de Violencia de Xénero de Sanxenxo celebrou esta mañá a súa reunión con novos representantes. Ao encontro sumáronse, por primeira vez, a xuíza decana de Cambados e titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Cambados, Luz María Fernández de Landa, e a enfermeira da PAC de Baltar, Catuxa Lagaron, que ofreceron as súas perspectivas desde o punto de vista xurídico e de atención sanitaria. Como en anteriores edicións, á sesión que estivo presidida polo alcalde, Telmo Martín, asistiu a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, e de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez. Tamén acudiron a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, así como representantes da Policía Local, Garda Civil, Equipo de Muller e Menor, Viogen e do CIM de Sanxenxo.

Durante a sesión acordouse incrementar a frecuencia da celebración anual das mesas para mellorar a coordinación entre todos os departamentos implicados na atención ás vítimas. "Acordamos facer reunións trimestral ou semestralmente e con representantes de tódolos sectores implicados. Foi unha reunión moi produtiva e con importante aportacións", asegurou o alcalde. O Concello de Sanxenxo, a través do departamento dirixido por Paz Lago, presentou un protocolo de actuación para a derivación a aloxamentos locais de vítimas de violencia de xénero en casos excepcionais e de urxencia. Un gasto que se sufraga a través do Concello para garantir en casos puntuais a necesaria protección da vítima.

En canto aos casos de violencia de xénero, Sanxenxo rexistrou no último ano o 2,2% dos 1.463 casos da provincia, segundo datos ofrecidos pola Subdelegación do Goberno. En ningún caso, nin o maltratador nin a vítima son menores de idade. Respecto dos datos do CIM, desde xaneiro a outubro deste ano, no CIM atendéronse a 90 mulleres. O perfil destes casos son mulleres de entre 25 e 75 anos, con fillos menores a cargo, estudos medios altos.

0
0
0
s2sdefault