Concello de Sanxenxo - SANXENXO SUMA A RUTA FLUVIAL DO RÍO PINTILLÓN Á SÚA LISTA DE SENDEIROS AZUIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Adeac notificou esta mañá ao Concello o galardón co que xa suma 8 sendeiros azuis e mantén o seu liderado en España

Sanxenxo suma a ruta fluvial do río Pintillón en Dorrón á súa lista de sendeiros azuis e mantén o seu liderado en España. Así llo notificou a Adeac ao Concello esta mesma mañá e supón xa a oitava senda galardoada no municipio.

Sanxenxo inaugurou con catro rutas a súa lista de Sendeiros Azuis en 2017: O de Sanxenxo-Portonovo, que transcorre entre os dous núcleos e ten unha lonxitude de 8,61 km; o de Canelas-Punta Cabicastro, que vai desde o extremo máis oriental da praia ata os cantiis e mide 3,35 km; o de Montalvo-Major, que une ambos os areais pola costa e ten unha lonxitude total de 6,45 km, e o sendeiro máxico da Lanzada, que vai desde a praia de Foxos ata A Lapa e unha lonxitude de 3,03 km. En 2018 sumáronse dous novos, o Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, entre Areas e o punto máis ao sur, Punta Festiñanzo, con 1,5 km de percorrido, e o de Paxariñas e Montalvo, que transcorre entre as dúas praias e ten unha lonxitude de 3,35 km.

En 2022 sumou a súa primeira ruta polo interior, a de Aldariz, con 6.300 metros, unha nova posibilidade que presentou o programa da Adeac que ata ese momento só admitía sendeiros que transcorresen por praias ou portos con Bandeira Azul. E agora suma a do río Pintillón que se estende por 3.600 metros e ascende a ladeira desde as proximidades da praia de Areas ata o Muíño de Xián.

O programa Sendeiros Azuis premia e recoñece a conservación e recuperación de sendeiros e itinerarios, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así como para o goce da natureza a través da realización de actividades recreativas, deportivas e turísticas sustentables. Para obter o galardón Sendeiro Azul débense cumprir un conxunto de criterios e indicadores, que se agrupan en catro categorías: Características das sendas e trazados; información, señalética e infraestruturas nos carreiros; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural; e uso público dos carreiros.

O Xurado Sendeiros Azuis 2024 reuniuse o día 30 de novembro de 2023, composto por expertos procedentes de Asturias, Baleares, Canarias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Madrid, Murcia e País Vasco, representando a diversas universidades, administracións públicas relacionadas con Patrimonio Natural e Turismo, asociacións e entidades que traballan pola accesibilidade en espazos públicos, e empresas relacionadas coa saúde.

0
0
0
s2sdefault