Concello de Sanxenxo - SANXENXO PECHA O ANO REALIZANDO NOVAS ACTUACIÓNS E INFRAESTRUTURAS NO RURAL E NAS VILAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Proxectos como o boulevard de Portonovo, o soterramento da Rúa Madrid e a reforma da Praza do Pazo son un paso máis na humanización das vilas

Nestes momentos en Sanxenxo están a executarse obras nas tres vilas como a mellora do pavillón de Vilalonga, o soterramento dun tramo da avenida de Madrid, o novo mercado, o boulevard de Portonovo e a praza do Pazo. A maiores, recentemente, concluían a mellora do pavillón de Baltar e a rampla axardinada que conecta as prazas dos Barcos e do Mar no porto de Sanxenxo.

Outras infraestruturas están a executarse no rural, son o campo de fútbol de Dorrón, a mellora da depuradora de Paxariñas e o resto das actuacións do convenio de Acuaes, os traballos previos á ampliación da rede de saneamento e auga do rural e a renovación e asfaltado da estrada da Arnosa. Esta última leva algo de atraso respecto o plan inicial porque, finalmente, inclúe, grazas á xenerosidade dos veciños que cederon espazo, unha senda peonil co mesmo ancho ao longo de todo o viario chegando á zona máis urbana. Para iso, como é lóxico, foi necesario ampliar o seu orzamento.

Pero lonxe de frearse a realización de infraestruturas nas primeiras semanas do novo ano o goberno ten previsto empezar e licitar novas actuacións. En primeiro lugar, a reforma do Pazo Emilia Pardo Bazán, unha obra que xa está adxudicada e que se financia principalmente con fondos europeos (1,9 M€). Trátase dunha actuación integral que inclúe melloras tanto no exterior como no interior do edificio de case 2.000 m2. O reto é poder compatibilizalas, na medida do posible, coas actividades culturais e educativas que se desenvolven a diario neste equipamento.

Ademais, o goberno prepara a licitación doutras cinco actuacións: o equipamento do Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas no Pazo de Quintáns, as melloras e novos equipamentos na leira exterior do Pazo, a primeira fase da ruta de sendeirismo do litoral da ría de Arousa entre o límite con Meaño e a fábrica de Campo, a mellora da Telleira e a reforma do antigo colexio O Cruceiro de Vilalonga que acollerá un centro de maiores, unha nova biblioteca e a escola de turismo e hostalaría.

En resumo, novas infraestruturas e equipamentos que melloran a calidade de vida dos veciños e contribúen a facer de Sanxenxo un destino máis atractivo para os visitantes.

0
0
0
s2sdefault