Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTARÁ CUN INCREMENTO DO FINANCIAMENTO DO SERVIZO MUNICIPAL DE EMERXENCIAS DE MÁIS DO 50% EN 2024
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local de Sanxenxo levará ao Pleno ordinario do próximo luns 29 de xaneiro a proposta de adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Deputación de Pontevedra en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais. Un acordo co que se busca potenciar o funcionamento do servizo cun incremento de máis do 50% do financiamento durante 2024. A partida total ascende a 320.000 euros dos que a Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia achega 126.050 euros, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, 15.750 euros, a Consellería de Medio Rural 26.200 euros, a Deputación Provincial de Pontevedra 128.000 euros e o Concello 24.000 euros.

Dentro do ámbito de cobertura asignado ao servizo municipal de Sanxenxo mantéñense os concellos do Grove, Meaño, Poio e Sanxenxo como zonas de actuación durante este ano. Este servizo conta con tres vehículos contra incendios, un deles de características especiais para a loita en terreos forestais. Equipos de protección adecuados, equipos de extinción e medios para rescate tanto en altura, auga e excarceración en accidentes de tráfico. Ademais, conta con persoal cualificado para prestar servizo as 24 horas ao día durante os 365 días do ano.

Cabe lembrar que durante o pasado ano, o servizo de Emerxencias de Sanxenxo realizou 767 intervencións, entre as que cabe destacar un 15,5% do total de asistencias realizadas fóra do termo municipal. Deste xeito, do total de sucesos atendidos, 648 foron dentro do propio municipio, onde se atopa a súa base, mentres que 51 tiveron lugar no municipio veciño de Poio, 38 en Meaño e 16 no Grove. Os efectivos tamén prestaron servizo en Barro, cunha intervención; outra intervención en Cambados, unha tamén en Catoira, tres en Marín, tres en Meis, unha en Ribadumia, unha en Portas e outra en Vilagarcía.

0
0
0
s2sdefault