Concello de Sanxenxo - SANXENXO LICITA POR 2,9 MILLÓNS A OBRA E O PROXECTO PARA A REHABILITACIÓN DO ANTIGO COLEXIO O CRUCEIRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O edificio albergará un centro social, unha biblioteca e un Centro de Formación Profesional coa especialidade Dual de Cociña e Restauración

O Concello de Sanxenxo saca a licitación por 2,9 millóns de euros a redacción do proxecto definitivo e a execución das obras de rehabilitación do antigo colexio do Cruceiro en Vilalonga. O centro atópase en desuso desde setembro de 2021, pero dada a súa situación estratéxica no centro urbano e o bo estado do edificio principal de 1.820 metros cadrados construídos, superficie similar ao Pazo de Emilia Pardo Bazán, o goberno decidiu rehabilitalo para crear un espazo lúdico e multidisciplinar para o uso diario dos veciños, unha biblioteca e un Centro de Formación Profesional coa especialidade Dual de Cociña e Restauración.

O Concello de Sanxenxo conta para a actuación cunha axuda de 1,9 millóns do Programa de Impulso para a Rehabilitación de Edificios de Titularidade Pública (PIREP) que se completará con fondos propios para o orzamento total da obra. O prazo de execución é de 14 meses.

O centro social situarase na zona do antigo ximnasio, cunha superficie útil de 375 m2. Este espazo estará dotado de dous espazos para cafetaría e escenario con zona de baile, que poderán estar vinculados ou ser independentes. Compleméntanse cunha pequena cociña, camerino, roupeiro, e aseos. Ademais, a cafetaría poderá vincularse cos usos de hostalaría das plantas superiores, onde os alumnos poderán facer simulacións e servir almorzos. Da mesma maneira, a parte do escenario e baile pódese converter nun gran espazo para conferencias ou presentacións de diversa índole con capacidade para 120 persoas.

A nova biblioteca terá unha superficie útil de 185 m2 e contará con zona de estudo, zona infantil, zona de computadoras, arquivo e aseos, ademais dunha área de lectura exterior cun pequeno patio axardinado onde se poderán realizar as presentacións de libros e talleres infantís. Tanto a biblioteca como o centro cívico terán accesos, servizos e instalacións individuais, o que fai que poidan funcionar de maneira independente ao resto do edificio podendo ter diferentes horarios de uso.

As plantas primeira e segunda suman 1.032 m2 (535 na primeira e 497 na outra). Nelas situarase o ciclo profesional básico de Cociña e Restauración en modalidade de FP dual. Un ciclo de alta demanda na área e que suporá unha oportunidade para os mozos da zona. Estará formado por espazos de aulas polivalentes, taller de cociña e office, taller de restaurante e bar, cos equipamentos necesarios. Ademais, incorpora un ascensor no núcleo de comunicación principal para garantir a accesibilidade de todo o edificio.

A actuación suporá un aforro do 95% do consumo enerxético e do 96% en emisións de CO2 a través de dúas formas: Mellora da envolvente térmica do edificio coa instalación de cerramentos e carpintarías de aluminio con RPT e triplo acristalamiento; e instalación de paneis solares fotovoltaicos no aparcadoiro e a elección de equipos de baixo consumo e iluminación LED.

0
0
0
s2sdefault