Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLE UNHA CLASE MAXISTRAL DE MARCHA NÓRDICA NO PARQUE DE PUNTA VICAÑO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Asociación Move Nordic Walking elixiu o municipio para realizar un taller gratuíto e achegar o deporte

Máis dunha trintena de persoas déronse onte pola tarde cita no parque de Punta Vicaño para asistir a unha clase maxistral de marcha nórdica a través da Asociación Move Nordic Walking. A actividade que espertou un gran interese entre os participantes contou coa presenza de figuras xa coñecidas na disciplina como María Martínez, campioa absoluta de Galicia de Marcha Nórdica ou José Manuel Castro, tamén laureado neste deporte.

O concelleiro de Turismo, Juan Deza, acompañado dos edís de Medio Ambiente e Cultura e Eventos, Yago Torres, e Elena Torres, agradeceu aos participantes e ao colectivo que elixisen o municipio para practicar un deporte que "cada vez ten máis afeccionados". Durante o taller, facilitáronse os bastóns e ensinouse a forma de collelos para que o deporte logre os resultados desexados.

A marcha nórdica é un exercicio aeróbico integral que axuda a mellorar a resistencia, forza, flexibilidade, coordinación e equilibrio resultando beneficioso a nivel osteomuscular e cardiovascular, entre outros. Neste deporte úsase o 90% da musculatura corporal, o que contribúe a mobilizar moitas estruturas que non se utilizan na vida cotiá, do mesmo xeito que o esquí de fondo, que de feito xurdiu como un adestramento alternativo para os esquiadores de fondo no verán.

A marcha nórdica remóntase aos anos 1930, aproximadamente, e sitúase a súa arrancada en Finlandia da man do equipo nacional finlandés de esquí nórdico que empezou a adestrar no verán simulando o máis parecido posible, as actividades de esquí nórdico do inverno, camiñando e correndo con bastóns de esquí para que a adaptación á técnica dos bastóns e a preparación física aeróbica xeral non se perdesen.

0
0
0
s2sdefault