Concello de Sanxenxo - A REFORMA DA PRAZA DO PAZO ENTRA NA RECTA FINAL COA PLANTACIÓN DAS ZONAS VERDES E PEQUENOS REMATES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, visitou esta mañá as obras acompañado da concelleira de Urbanismo, María Deza

A reforma da Praza do Pazo entra na recta final coa plantación en zonas verdes e remates en luminarias, columnas e acceso ao supermercado. O alcalde, Telmo Martín, visitou esta mañá as obras acompañado da concelleira de Urbanismo, María Deza, xunto ao arquitecto do proxecto e de operarios da empresa adxudicataria das obras.

A previsión é que os traballos conclúan a próxima semana e a praza se abra para o seu desfrute. A actuación rolda os 673.000 euros e acometeuse con fondos municipais. A praza conta agora con dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas, en pavimento de pedra que se unen con percorridos accesibles para potenciar a interacción social e a actividade comercial da praza.

A actuación céntrase nos 2.371 metros cadrados da praza, con nova conexión entre a Rúa dos Mariñeiros e Rúa dos Cesteiros, que converte o espazo nunha zona polivalente con capacidade para 1.350 persoas. A vexetación cobra no proxecto especial relevancia como control solar e térmico polo que está prevista a plantación de árbores de folla caduca. Ademais, instaláronse chorros de auga a modo de fonte. A plataforma horizontal maior destinarase principalmente a actividades e espectáculos ao aire libre.

A escaleira de acceso principal desde a Rúa Madrid inclúe tres zonas máis elevadas, a modo de bancadas, que xeran bancos corridos con acabado en madeira. En canto ao mobiliario da praza, instaláronse 15 luminarias de modelos diferentes que mellora a eficiencia enerxética actual do espazo e seis bancos.

0
0
0
s2sdefault