Concello de Sanxenxo - AVANZA A DELIMITACIÓN DE USOS E ESPAZOS PORTUARIOS QUE PERMITIRÁ EXECUTAR A COMPLETA REMODELACIÓN DO PORTO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


Concello e Nauta presentaron esta mañá alegacións ao documento

Portos de Galicia avanza nun documento crave para as seguintes fases da remodelación do porto de Sanxenxo, a Delimitación de Usos e Espazos Portuarios (DEUP). Concello e Nauta presentaron esta mañá as súas achegas dentro do período de alegacións nas que se propón que a DEUP delimite áreas, asigne usos e proceda á súa regulación, sen comprometer a implantación futura das novas instalacións en consonancia coa o plan especial. Ademais, pídese que se recolla no documento o proxecto xa executado da rampla e que se teña en conta o novo prazo da concesión até 2047.

Nos escritos de alegación tamén se expoñen cambios nos usos dalgúns espazos e correccións no acceso á zona pesqueira co obxectivo de recoller a urbanización executada e o actual emprazamento da escultura Atlante. En canto ao uso peonil e a existencia de terrazas, desde o Concello proponse manter o actual uso das terrazas, a priori incompatible coa DEUP, e ínstase a que sexa o novo plan especial do porto o que o regule.

En canto á área de uso pesqueiro, Nauta expón que se manteña no seu estado actual a condición de que se garanta o acceso ás actividades de vela lixeira que se emprazan no ámbito da concesión.

A aprobación definitiva deste documento é clave para afrontar a segunda e terceira fase da remodelación do porto de Sanxenxo. A segunda centrarase na remodelación do edificio de Capitanía Marítima que se expón desde un dobre punto de vista. Por unha banda, utilizarase a estrutura existente sobre a que se construirá unha cuberta única e continua e, doutra banda, unha pérgola para unificar o conxunto.

A mellora contempla tamén medidas de eficiencia enerxética coa colocación de paneis solares que non serán percibidos nin desde a cidade nin desde o porto.

Na terceira fase acometerase o umbráculo construído en madeira galega. Será un recinto techado, moi luminoso e suxeitado por catro grandes alicerces. Ocupará o 25% da superficie da actual praza e servirá para a celebración de actos culturais, deportivos, feiras e congresos.

Está pensado para que sexa un recinto flexible, o que permitirá o seu uso en calquera época do ano e dotará a Sanxenxo dunha estrutura con máis capacidade para albergar eventos.

0
0
0
s2sdefault