Concello de Sanxenxo - AS MULLERES DE SANXENXO TOMAN A PALABRA PARA REIVINDICAR A IGUALDADE NOS ACTOS DO 8-M
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un café coloquio e unha mesa redonda "A igualdade no deporte" centran a xornada de hoxe

Sanxenxo, 8 de marzo de 2024.- As mulleres toman hoxe a palabra con motivo do 8-M para reivindicar a igualdade e o seu papel na sociedade. As concellarías de Servizos Sociais e Educación, dirixidas por Paz Lago e Nati Parada, en coordinación co CIM, organizaron unha ampla programación que empezou hai xa semanas, pero hoxe coincidindo coa conmemoración celébranse dous actos centrais.

A Casa do Priorado de Arra acolleu esta mañá un almorzo coloquio coas Asociacións de Mulleres Rurais, ANPAS e mulleres de distintos colectivos do municipio. Tras a lectura dun manifesto compartido entre as mulleres rurais, a psicóloga e escritora, Marta Martínez Novoa tomou a palabra para explicar a "síndrome" que dá título ao seu último libro "Síndrome de la chica buena" co que se abriu unha quenda de intervencións do público.

A partir das 20:30 horas de hoxe, está previsto a celebración dunha mesa redonda 2ª igualdade no deporte" na que se entregarán recoñecementos a 24 clubs deportivos locais. Na mesa participarán Patricia Curbelo, xogadora de Viaxes InterRías de Fútbol Feminino; Carlos Castro Barreiro, adestrador do equipo feminino AX Saraiba do Mar; Iris Romero, árbitra de fútbol e representantes da Federación Galega de Fútbol e Silvia Cancela, directiva da Real Federación Galega de Fútbol. A xornalista e presentadora María Solar moderará o debate. A entrada é libre para todos os públicos.

Exposición Centro de Arte
Con motivo do 8-M, o Centro de Arte inaugura hoxe a exposición da alumna, Silvia Otero. A súa obra estará exposta todo o mes de marzo. "Proxecto mulleres espidas" é unha mostra de espidos femininos, realizados a carbón, exaltando e dignificando a natureza e beleza do corpo feminino, en feminino. O soporte en papel da obra móstrase intencionadamente engurrado para resaltar a natureza, a vida, o paso do tempo, a perspectiva en feminino de, dito coas súas propias palabras: "a perfección das cousas que non son perfectas, ou si".

0
0
0
s2sdefault