Concello de Sanxenxo - FUENGIROLA CONVIDA A SANXENXO AO SEU I FORO INTERNACIONAL DE CIDADES ABERTAS "TURISMO E XESTIÓN DO ÉXITO"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 7 de marzo de 2024.- O concelleiro de Turismo, Juan Deza, viaxará o próximo 29 de abril a Fuengirola (Málaga) para participar no I Foro Internacional de Cidades Abertas baixo a lema "Turismo e xestión do éxito". Na invitación a Sanxenxo, cursada pola alcaldesa, Ana Mula, subliña a súa "admiración polos aspectos que o fan destacar como destino de calidade" e pide ao municipio que participe nunha mesa redonda para dar detalles "das decisións levadas a cabo na proxección de Sanxenxo que seguro son enriquecedoras para o resto de participantes e público".

O Foro Internacional de Cidades Abertas será o espazo deseñado para o intercambio de experiencias e aprendizaxe ao redor da temática "Turismo e xestión do éxito", onde estarán representadas cidades e países que destacan por alcanzar un notable equilibrio na súa xestión turística, xunto á sustentabilidade e confortabilidade dos cidadáns residentes.

Prevense dúas mesas redondas, unha en horario de mañá e a outra en horario de tarde, cun máximo de catro participantes en cada unha delas, explicando conxuntura, iniciativas implementadas ou recursos, que se mobilizaron na súa cidade e país. Sanxenxo formará parte desta programación achegando a súa visión en distintos aspectos turísticos.

Sanxenxo na ITB de Berlín
Doutra banda, Sanxenxo participou esta semana na ITB de Berlín. Ata a capital alemá desprazáronse o edil de Turismo, Juan Deza, e a concelleira de Economía, Paula Martínez. A oferta turística de Sanxenxo estivo incluída no stand de Turismo de Galicia polo que pasaron director de Turespaña, Miguel Sanz Castedo; o ministro de Turismo, Jordi Hereu; A directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita, e secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo.

A ITB Berlín é a plataforma de negocios para a oferta turística global: países, cidades e rexións, operadores turísticos, portais de reservas en liña e hoteis, e moitos outros provedores de servizos de máis de 180 países presentan os seus produtos e servizos.

0
0
0
s2sdefault