Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DO MERCADO DE SANXENXO AVANZAN CON MÁIS DO 90% DO PERÍMETRO DE SEGURIDADE E AS CANALIZACIÓNS INSTALADAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O obxectivo é que no mes de maio se comece co baleirado de area da parcela onde se levantará o novo mercado

Sanxenxo, 7 de abril de 2024.- Pese ao mal tempo e a complexidade da actuación, as obras do mercado de Sanxenxo avanzan con máis do 90% do perímetro de seguridade construído. Rodeando o mercado construíronse xa 70 das 77 pantallas de formigón que van ancoradas ao terreo, a 12 e 9 metros de profundidade. Unha vez completado o perímetro, colocarase unha viga de atado que unirá as pantallas e, a continuación, iniciarase o baleirado ata aproximadamente 4,5 metros de profundidade. Tras a retirada da area, darase paso á cimentación para o encofrado da laxa do teito do soto e o parking. Ao longo destes meses tamén se acometeron as canalizacións de cableado eléctrico, as comunicacións e a rede de sumidoiros. Unhas tarefas complexas debido ao entroncamento de gran cantidade de servizos que se atopan na zona.

O goberno galego financia as intervencións achegando 1 millón de euros e o Concello licita, executa os traballos e achega o investimento restante, algo máis de 1,3 millóns. O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de abastos mediante o soterramento do tráfico na Rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada.

O Concello convocou un concurso de ideas para a execución dunha intervención integral na que se inclúe o novo edificio do mercado e dependencias municipais. A proposta gañadora, "Os luns ao sol", ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade.

A intervención reduce o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e prima a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo. As actuacións recollidas neste acordo centraranse na execución dun paso inferior para o tráfico da rúa de Madrid, desde o que se dará entrada ao aparcadoiro do novo edificio do mercado.

Tamén se procederá á reurbanización da Rúa de Madrid, desde a Rúa Panadeira ata o seu encontro coa glorieta de intersección da propia rúa Madrid coa rúa Progreso.

0
0
0
s2sdefault