Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLEU ESTA MAÑÁ A COMISIÓN DE SEGUIMENTO DAS OBRAS DE SANEAMENTO E DEPURACIÓN DO CONVENIO ASINADO ENTRE ACUAES, SANXENXO E POIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

TELMO MARTÍN: "FIXÉMOLO NO PASADO, FACÉMOLO NO PRESENTE E FARÉMOLO NO FUTURO: VIVIR DAS NOSAS RÍAS"

Sanxenxo acolleu esta mañá a comisión de seguimento das obras de saneamento e depuración do convenio asinado entre Acuaes, Sanxenxo e Poio

Sanxenxo, 8 de abril de 2024.- As obras de mellora de depuración e saneamento previstas no convenio asinado por Sanxenxo, Poio e Acuaes, dotadas dun investimento de 26 millóns, avanzan segundo os prazos previstos. Así quedou de manifesto na comisión de seguimento dos traballos celebrada esta mañá no salón de plenos do Concello de Sanxenxo. Na reunión que estivo copresidida polos alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín, o de Poio, Ángel Moldes, e a presidenta de Acuaes, Rosa Cobo, analizouse o cronograma das obras e o orzamento executado, que rolda o 10%. Á posterior visita realizada á EDAR de Paxariñas e á tixola de Montalvo, onde se atopa a zona de traballo e montaxe do novo emisario submarino, sumáronse o delegado do Goberno de Galicia, Pedro Blanco, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.

Co obxectivo de dar servizo a unha poboación de 100.000 habitantes está a executarse a ampliación e mellora da depuradora de Paxariñas e estanse construíndo novas estacións de bombeo e impulsión en Raxó e Areas, ampliando diferentes tramos da rede de colectores e impulsións que permitirán conectar estes bombeos coa EDAR. A colocación de tubaxes iniciouse en febreiro e xa están listas, a falta de remates, o colector de Raxó, o de Areas, o da Avenida de León e a impulsión de Raxó. Agora está en execución a impulsión de Areas da que resta o 50% da súa lonxitude.

Con relación ás obras da depuradora, tallouse e limpouse completamente a parcela de ampliación na que se situarán os novos decantadores, o edificio de pretratamento e o edificio de control. Xa se procedeu á demolición dos decantadores primarios, espesadores e taller, comezáronse os traballos de escavación e execución dos novos decantadores. As obras da depuradora e dos bombeos está previsto que estean concluídas o 31 de agosto de 2025.

En canto ao emisario de Montalvo, os prazos neste caso acúrtanse ao 1 de agosto deste ano. O inicio dos traballos de montaxe da tubaxe no mar e da perforación horizontal está a programarse para que comece a finais de abril, unha vez que o consello de ministros aprobe a reserva de dominio público marítimo terrestre necesaria e que a Autoridade Portuaria de Marín autorice a concesión de ocupación. Todas as tubaxes e lastres a instalar están fabricados e amoreados a pé de obra para instalar a finais deste mes ou principios de maio.

Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, agradeceu a colaboración institucional que permitiu a firma deste convenio e incidiu en que "fixémolo no pasado, estámolo facendo no presente e farémolo nn futuro: Vivir das nosas rías". Martín asegurou que as actuacións que se están acometendo supoñen entrar na "excelencia no tratamento de augas e do saneamento". Ademais, a parte de investimento do convenio que corresponde ao Concello de Sanxenxo será financiada a cargo do canon da concesionaria da auga Espiña & Delfín.

Tamén o alcalde de Poio, Ángel Moldes, asegurou que "con este convenio dase resposta a unha necesidade do sector do mar e do turismo, Raxó e Samieira deixarán de verter directamente ao mar".

O delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegurou que "é unha actuación que deixa en evidencia a preocupación do goberno de España polo Medio Ambiente".

A presidenta de Acuaes, Rosa Cobo, sinalou que, a pesar de que "a tramitación ambiental durou tres anos, leva traballando nesta obra declarada de interese xeral desde o 2019". Na mesma liña, destacou a importancia dos traballos.

0
0
0
s2sdefault