Concello de Sanxenxo - PORTONOVO GASTRONÓMICO REGRESA CON 24 LOCAIS DE HOSTALARÍA, MÚSICA E ANIMACIÓN NA RÚA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, presentou esta mañá a cita no Club Náutico de Portonovo

Sanxenxo, 12 de abril de 2024.- A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, presentou esta mañá Portonovo Gastronómico no Club Náutico de Portonovo . Unha cita que conta na súa segunda edición coa implicación de 24 locais de hostalaría e onde non faltará a música e animación na rúa.

Torres utilizou unha metáfora para presentar o programa da cita que se desenvolverá entre o 26 e o 28 de abril. "Portonovo Gastronómico é un prato que se prepara con tres ingredientes. O principal é a gastronomía ao que acompañan a música e a animación. Tampouco pode faltar a sobremesa, que sería a Raia de Ouro", explicou.
Portonovo Gastronómico abre a súa programación o venres, 26 de abril, cun showcooking con degustación a cargo do Obradoiro de Hostalería do Salnés no mercado da vila mariñeira a partir das 11:30 horas. Ademais da variada oferta gastronómica de Portonovo, os locais participantes na cita elaborarán dúas tapas con motivo da cita.

A música estará presente na cita en tres escenarios diferentes como a Praza de Compostela, Praza Méndez Núñez e Rafael Picó con grupos de distintos estilos musicais como Raúl&Cía, Bo Dereck's, Dani Barreiro, Ropa Vieja, La Buena Vida e La Mosca Valiente. Ademais, pola mañá e a tarde as charangas animarán o tapeo desde o Campo de San Roque ata Rafael Picó.

O outro ingrediente é a animación nas rúas no que se inclúe 6 espectáculos pensados para todas as idades:Circo Salvaxe, Atlantis de Malatitsch, Druídas Errantes, Les Variepides y el Show de Fito “Soño”. Tampouco faltarán os obradoiros para nenos e os xogos populares no Espiñeiro, coa Asociación Amigos da Dorna ou a exposición fotográfica ao aire libre, "A Vida en Instantes" ao longo de Rafael Picó

O domingo 28, a partir das 12 horas, celebrarase a cerimonia da entrega da Raia de Ouro na Casa de Don Fernando. Unha comitiva formada por membros da Corporación e familiares partirá da lonxa de Portonovo acompañando ao galardoado desta edición con gaiteiros e grupos de baile.

Torres convidou a "aos disfrutóns e á xente de bo padal a pasar o fin de semana en Sanxenxo, entre o 26 e o 28 de abril, e aos veciños a participar na cita".

Por último, sortearanse entre os participantes un total de 24 estancias e 24 comidas por valor de 50 euros.

[PDF] PROGRAMA PORTONOVO GASTRONÓMICO

0
0
0
s2sdefault