Concello de Sanxenxo - PORTONOVO GASTRONÓMICO ARRINCA CUN SHOWCOOKING E UNHA EXPOSICIÓN DE 70 VECIÑOS E VECIÑAS DA VILA MARIÑEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Alumnos do CEIP de Portonovo participaron na elaboración dos pratos coa raia como ingrediente principal


Sanxenxo, 26 de abril de 2024.- Portonovo vístese este fin de semana de gala para celebrar o Portonovo Gastronómico con 24 locais participantes que xa comezaron hoxe a servir as primeiras tapas. A pesar de que a choiva obrigou a suspender parte da programación prevista para hoxe, a xornada inaugural estivo marcada polo showcooking realizado co Obradoiro de Hostalería do Salnés da Mancomunidade na praza de abastos de Portonovo. Os alumnos do Obradoiro contaron hoxe cuns axudantes de excepción, vinte alumnos de 4º de Primaria do CEIP Portonovo, que se encargaron da elaboración dunha hamburguesa de raia, un brownie con peta zeta e batido. Para os maiores o menú realizouse a base emparedado de raia con queixo de Arzúa, polbo con cremoso de pataca e allada e cóctel de fibra.

Ademais, a avenida de Rafael Picó amenceu coa exposición ao aire libre de 70 imaxes de veciños e veciñas da vila mariñeira. Unha proposta da Asociación Fotográfica Ollares de Portonovo na que se recompilan fotos actuais, realizadas polo colectivo, e imaxes cedidas, moitas delas froito dun traballo que se está realizando co Club de Xubilados de Portonovo. Ao longo da exposición "A vida en instantes" realízase un repaso pola transformación física de veciños e veciñas da vila e recupérase a memoria fotográfica dos seus protagonistas. A mostra permanecerá ao longo do mes de maio para que poida ser gozada por veciños e visitantes.

Para mañá e pasado mantense a programación festiva. Mañá sábado, ás 12.00 horas a charanga Batucada Os Queimatasas animará a festa saíndo desde o Mercado de Abastos e pasando por Rúa Areal, Campo de San Roque, Praza Méndez Núñez e Rafael Picó. Ás 17 horas haberá xogos populares e un taller "Pequenos barcos para grandes mariñeiros" no parque do Espiñeiro, ás 18:30 horas, o espectáculo infantil Druídas Errantes e ás 20 horas, Les Variepides de Pablo Méndez Performance pola Rúa Rafael Picó. Ás 21:30 horas comezará o concerto da Buena Vida, ás 22:30 horas o concerto de Ropa Vieja e ás 23:30 horas o concerto da Mosca Valiente.

O domingo 28, ás 12 horas, dará inicio a concentración Vespa Raiada e ás 13 horas entregarase a Raia de Ouro á redeira Sara Bea na Casa de Don Fernando. Ás 17 horas comezará a animación de rúa co show de Troula; O show de Fito "Soño".

Consumir nos locais participantes no Portonovo Gastronómico terá premio. Sortearanse 24 estancias para dúas persoas en hoteis de Sanxenxo e 24 bonos para comidas nos locais por valor de 50 euros. Os gañadores daranse a coñecer o domingo ás 18 horas na Casa de Don Fernando.

0
0
0
s2sdefault