Concello de Sanxenxo - SEIS EMPRESAS OPTAN Á ORGANIZACIÓN DA FEIRA DE VERÁN DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 2 de maio de 2024.- Un total de seis empresas optan á organización da feira de verán de Portonovo. Trátase de Sonomobel, Target Eventos Especiais, Organización de feiras e eventos Ramigar, Promocións e Produción de Feiras, Producións Zona Chan e Maderia Arquitectura e Deseño. O goberno a través da empresa municipal Ínsula Sanxenxo busca con este concurso un evento de interese turístico de calidade que recree a temática mariñeira aproveitando a idiosincrasia e tradición da vila. Está prevista a instalación de entre 70 e 80 casetas cunha superficie de ocupación de 720 metros cadrados aproximadamente desde finais de xuño ata o 1 de setembro.


A proposta de venda será variada e de carácter internacional, desde complementos ata artigos téxtiles, pero sempre respondendo a un estándar de calidade. En todo caso quedan excluídos do ámbito deste mercado os postos de carácter alimentario, sen que poidan ocuparse casetas destinadas á venda ou comercialización de calquera produto alimenticio ou bebidas. O adxudicatario deberá abonar a Ínsula Sanxenxo pola autorización para a organización e xestión do mercado de Portonovo. un canon mínimo de 98.000 euros máis IVE, sen prexuízo das melloras que poidan ofertarse, así como o pertinente canon a Costas.


Sanxenxo acollerá tamén este ano, por primeira vez, unha feira de venda de produtos artesanais, entendendo como tales os bens e produtos de autor singulares pola súa orixe, nos que a intervención persoal sexa determinante no proceso de elaboración e acabado cuxo resultado sexa un produto final de factura individualizada. A duración proposta abarca desde o 15 de xullo e ata o 9 de setembro e a Praza de Fonte de Ramos deberá dotarse dun sistema de sombra.

0
0
0
s2sdefault