Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO CONVOCARÁ UN CONCURSO DE IDEAS PARA RECUPERAR E POTENCIAR A CONTORNA DA LANZADA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Deputación de Pontevedra solicitará á Xunta que se declare BIC o xacemento, proxecta novas escavacións e investirá 400.000 euros na mellora do espazo

Sanxenxo, 14 de maio de 2024.- O Concello de Sanxenxo convocará un concurso de ideas para recuperar e potenciar a contorna da Lanzada. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o vicepresidente, Rafael Domínguez, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron esta mañá a zona do xacemento da Lanzada. No percorrido tamén estivo o arqueólogo provincial, Rafael Rodríguez, e varios membros do goberno local. Un espazo no que o organismo provincial prevé un investimento de preto de 400.000 euros.

"Somos un destino de primeira e temos o noso plan baseado na sustentabilidade cun faro que guiará a nosa folla de ruta e a estratexia turística", asegurou López e anunciou un investimento "de case 400.000 euros no xacemento e na contorna da ermida da Lanzada". Así se realizarán tarefas de mantemento e limpeza e ampliarase a zona de escavación cara ao leste e o norte. Ademais, tamén se realizará unha prospección xeofísica na contorna da ermida e se musealizará toda a contorna. "A maiores solicitaremos a Patrimonio a ampliación da catalogación do BIC, agora xa o son a capela e a torre, para a necrópole ata a estrada porque recuperar a nosa historia é tamén unha experiencia Rías Baixas", explicou.

Pola súa banda, o alcalde Telmo Martín sinalou que "nos atopamos na xoia da coroa do municipio, onde está parte da historia de Galicia e queremos recuperar esta contorna, renaturalizar o espazo e poñelo en valor". Na mesma liña, incidiu en que "A Lanzada é xa uns dous lugares máis visitados do noso concello e queremos mimala e coidala". Para iso, o Concello realizará un concurso de ideas no que estarán representados distintos técnicos como paisaxistas, arqueólogos e arquitectos "que nos propoñerán a mellor forma de facelo".

0
0
0
s2sdefault