Concello de Sanxenxo - A MEDIA MARATÓN "ENTRE RÍAS" ROZA XA OS 1.000 INSCRITOS A UNHA SEMANA DA PROBA QUE DISCORRERÁ ENTRE SANXENXO E O GROVE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 13 de maio de 2024.- Os alcaldes de Sanxenxo e O Grove, Telmo Martín e José Cacabelos, acompañados de Serafín Martínez, da empresa organizadora Nokao, e do concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, presentaron esta mañá a media maratón Entre Rías na contorna da capela da Lanzada desde onde partirá a carreira dos 10K.

A media maratón sairá do porto do Grove ás 10:30 horas, para percorrer a Illa da Toxa, a praia da Lanzada e rematar no porto deportivo de Sanxenxo. A carreira poderase facer de forma individual ou por substitucións en parella. Ademais, o mesmo día haberá unha proba alternativa de 10K con saída desde a Ermida da Lanzada, ás 11:30 horas, e chegada ao porto deportivo de Sanxenxo.
A dous días do peche das inscricións, mércores 15 de maio, a carreira conta xa con preto de 1.000 inscritos. "A aceptación para ser o primeiro ano foi brutal. As expectativas que tiñamos eran moi altas e vanse cumprir", dixo Serafín Martínez. "Queremos que a xente que veña este ano repita. O percorrido é único e de gran beleza", asegura. Na cita repartiranse máis de 3.000 euros entre os gañadores das distintas categorías
O alcalde de Sanxenxo puxo en valor "a colaboración e o entendemento entre dous concellos con gran relevancia turística como O Grove e Sanxenxo nun proxecto tan interesante como este que está chamado a consolidarse no tempo". A cita será, sen dúbida, un motivo máis para "visitarnos e pasar unha fin de semana na zona".
Pola súa banda, o alcalde do Grove destacou que "trátase dun evento deportivo que se vincula ao atractivo turístico da zona e a este espazo xeográfico. Vai ser unha fin de semana importante para O Grove e Sanxenxo". "Recibiremos este domingo a todos os deportistas ao carón da estatua do pescador dende onde sairá a proba da media maratón na Praza do Corgo", sinalou. Finalmente, animou a todas as persoas amantes do deporte a "participar na proba e desfrutar da beleza da contorna".
Nesta primeira edición celebrarase un Entre Rías especial. Será o sábado 18 de maio cando o paseo marítimo do Grove acolla, a partir das 17 horas, probas para nenos e nenas de ata13 anos. A participación será totalmente gratuíta. As inscricións pódense realizar na web oficial do evento ata o vindeiro mércores, www.entreriasmediamaraton.com 

0
0
0
s2sdefault