Concello de Sanxenxo - PORTONOVO E SANXENXO ACOLLERÁN AS EXPOSICIÓNS "OLLARES NA RÚA" CON MÁIS DE 2.500 FOTOGRAFÍAS DA HISTORIA DO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O fotógrafo Carlos Carballa recibirá este ano a cámara de ouro pola súa contribución ao arquivo fotográfico local

Sanxenxo, 24 de maio de 2024.- A Asociación Ollares de Portonovo e o Concello de Sanxenxo organizan unha nova edición de Ollares na Rúa. Será os días 4 e 5 de xuño en Portonovo, no Parque do Espiñeiro e o 11 e 12 de xuño en Sanxenxo, na Praza de Pascual Veiga, cando veciños e visitantes poderán gozar dunha macro exposición ao aire libre de máis de 2.500 fotos históricas do municipio. A maioría destas fotos foron doadas por veciños e veciñas nas que se poderán ver imaxes familiares, de paisaxe, de traballadores e traballadoras do mar, do servizo militar, dos equipos locais de fútbol e de piragüismo, de asociacións culturais ... Un arquivo fotográfico que crece ano tras ano coa colaboración das persoas que visitan a exposición e traen as súas fotografías, que se escanean e devólvenselles ao momento.


Esta exposición é o motivo central de Ollares na Rúa, pero tamén se provecha a cita para homenaxear aos fotógrafos locais históricos que, en gran parte, son os artífices de que hoxe en día podamos gozar destas imaxes. En anos anteriores, homenaxeouse a Gerardo Torres de Foto Torres, e a Olimpio Piñeiro de Foto Olimpio, neste caso a título póstumo. Este ano, o alcalde, Telmo Martín, entregará a cámara de ouro a outro fotógrafo histórico do municipio, Carlos Carballa, de Fotografía Studio 21. Reportaxes como Portonovo nevado, os primeiros asfaltados de rúas ou numerosas actividades ao aire libre en parques e praias nos anos 70 e 80, ademais de moitas paisaxes e fotos de vodas e comuñóns, son algunhas das súas fotos máis icónicas. Ollares na Rúa vai crecendo cada ano en visitas e tamén en tempo. Iso obriga a ampliar a programación con:

  •  Sorteos e agasallos
  •  Música e animación por Studio 21
  •  Photocall temático
  •  Festa holi
  •  E moitas outras sorpresas.

De todas estas actividades, cabe destacar, pola gran aceptación que ten e o ben que llo pasa a xente, a Festa Holi, que é o colofón á exposición en Portonovo. Xente de todas as idades divírtese, lanzándose eses pos de cores tan espectaculares. É un momento de diversión, risas e desafogo. Os pos de cores están feitos con millo sen glute e son inocuos para a saúde, polo que non hai desculpa para non pasarllo ben.

0
0
0
s2sdefault