Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLERÁ A 213 SOCORRISTAS DE NOVE COMUNIDADES ESPAÑOLAS NO XI CAMPIONATO DE ESPAÑA MÁSTER PRAIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As probas celebraranse ao longo de toda a fin de semana na praia de Silgar

Sanxenxo, 24 de maio de 2024.- O Campionato de España Máster de Praia de Salvamento e Socorrismo celébrase por segundo ano consecutivo en Sanxenxo cunha nova marca de participación. Na súa undécima edición, participarán 213 socorristas de nove comunidades autónomas que disputarán por segundo ano consecutivo as probas de augas abertas na praia de Silgar. A Rosa dos Ventos acolleu esta mañá a presentación na que estiveron o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola; o xefe de servizo provincial de Deportes en Pontevedra, Daniel Benavides, a directora de Eventos da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo, Ana Domínguez, e a presidenta da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Nuria Rodriguez.
O número de socorristas inscritos supera en vinte e catro os 189 da pasada edición, que era ata agora a que máis participación tivera, co que esta competición leva catro tempadas batendo a súa marca.
Dous territorios autonómicos achegan o 50 por cento da participación, con 109 socorristas e 10 clubs. Estes son Galicia, con 68 socorristas, o que supón o 31,92 por cento do total, e Cantabria, con 41 e 19,25 %. En conxunto, participarán 105 equipos encadrados en vinte e seis clubs. A Comunidade de Madrid inscribiu a 36 socorristas, un 16,90 %, a Comunidade Valenciana (22 e 10,33 %), Canarias e Castela e León (ambas as 19 e 8,92 %), Estremadura (4 e 1,88 %), Rexión de Murcia (3 e 1,41 %), e Andalucía (1 e 0,47 %).
Dos 26 clubs que participan no Campionato Máster de Praia, oito proceden de Galicia, catro das Comunidades Valenciana e de Madrid e tres de Canarias, mentres que dous pertencen a cada un dos territorios de Castela e León e Cantabria e un club representará á Rexión de Murcia, Estremadura e Andalucía.

Haberá presenza de socorristas en todos os tramos de idade nos que se divide a categoría máster, e con participantes masculinos e femininos en todos menos en master 65-69, no que unicamente haberá socorristas masculinos.
En total, inscribíronse 129 deportistas masculinos, o que supón un 60,56 por cento do total, e 84 femininas, que corresponden ao 39,44 por cento. A presenza feminina aumentou en máis de 10 puntos con respecto á pasada edición, que foi de 56 inscricións e que correspondía ao 29,63 por cento do total, o que supón 28 inscricións por encima nesta nova edición.
O XI Campionato de España Máster de Praia conta coa colaboración da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo e a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia. Toda a competición será retransmitida en directo a través de RFESSMedia, a televisión multidispositivo do salvamento e socorrismo español que foi vista desde a súa posta en marcha en setembro de 2021 en 110 países de todos os continentes.

0
0
0
s2sdefault