Construcións Castro Figueiro comezou hoxe mesmo a provisión de material e mañá comezará co fresado
Sanxenxo, 30 de maio de 2024.- Trece días. Ese é o tempo que Construcións Castro Figueiro ofertou para converter o Paseo de Silgar en plataforma única. A empresa foi proposta hoxe como adxudicataria e prevese que mañá quede formalizado para iniciar os traballos de fresado. De feito, hoxe mesmo comezou coa provisión de material e de maquinaria, necesarios para dar comezo á obra. Un proceso de licitación, ao que se presentaron en total catro ofertas, cuxo carácter urxente permite acelerar os prazos na tramitación e concluíla antes da tempada estival.
Un equipo de 50 persoas traballará de luns a sábado en dúas quendas para poder rematar os traballos en tempo e evitar as menores molestias posibles Para iso, a Policía Local elaborou un dispositivo de tráfico para a entrada ao centro do municipio (documento adxunto) aínda que se recomenda evitar, na medida do posible, o acceso rodado á zona durante a obra. Desde este luns, 3 de xuño, o parking de Nauta permanecerá pechado.
A obra terá finalmente un custo de 626.919 euros e o obxectivo é dar prioridade aos desprazamentos a pé, así como mellorar a accesibilidade e seguridade viaria. O ámbito de actuación será desde o cruce da Rúa Ourense ata a intersección coa Rúa Cesteiros, incluído un tramo da Rúa do Porto. En todo este tramo habilitarase unha plataforma única en lastro que terá unha superficie de 4.783 metros cadrados.
A área de acceso rodado executarase cun cambio de pavimento, con lastro coloreado, para unha mellor visibilidade para o condutor e o peón. No encontro entre este e as beirarrúas colocarase unha rigola acanalada para favorecer a recollida de augas pluviais e facilitar a súa rápida evacuación. O proxecto incluirá a renovación da rede de saneamento e unha nova iluminación pública, cambiando farois e luminarias por outras máis eficientes.
A actuación conta coa financiación da Axencia Galega de Turismo