Concello de Sanxenxo - SANXENXO RECOLLE NA PRAIA DE DONIÑOS, FERROL, AS BANDEIRAS AZUIS PARA 17 PRAIAS E OS TRES PORTOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio mantense, un ano máis, como líder nacional en bandeiras azuis en praias

Sanxenxo, 13 de xuño de 2023.- A aposta pola calidade de Sanxenxo volveu quedar hoxe patente en Ferrol. A praia de Doniños foi o areal elixido para recoller as bandeiras azuis das súas 17 praias, do seu tres portos e do Centro de Interpretación da Telleira. Ao acto que estivo presidido pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climatico, Ángeles Vázquez, asistiron o alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Turismo, Juan Deza, así como a concelleira de Facenda e vicepresidenta de Nauta Sanxenxo, Paula Martínez, que recolleu a bandeira do porto Juan Carlos I. Ademais, do Real Club Náutico de Sanxenxo recolleu a súa insignia o seu presidente, Pedro Campos.

O municipio mantense un ano máis como líder nacional en bandeira azuis en praias. Un distintivo que ondeará este ano en: A Lapa, Area de Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Espiñeiro, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar.
O esforzo económico e de persoal que dedica anualmente Sanxenxo ás súas praias roldan os 1,2 millóns de euros. Un investimento que permite mellorar os servizos e garantir a seguridade nas súas praias.

Cabe lembrar que desde o pasado 1 de xuño un total de 16 socorristas vixiaron durante os fins de semana, de 12 a 20 horas, as praias con máis afluencia de Sanxenxo: Areas, Silgar, Canelas e Montalvo. Fixérono como unha mellora da calidade e como unha aposta pola seguridade nos areais. O servizo durante estas dúas fins de semana saldouse sen incidencias graves.

A partir do próximo sábado, 15 de xuño, os efectivos de salvamento estenderanse a un total de seis praias todos os días da semana. Así, a Areas, Silgar, Canelas e Montalvo sumaranse Foxos e O Espiñeiro-A Lanzada. Desde o 1 de xullo e ata o 15 de setembro, o servizo ampliarase ao resto de areais cunha franxa horaria maior en Silgar. En total serán 83 persoas as que conformen o servizo de vixilancia.

0
0
0
s2sdefault