Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLE NO PAZO EMILIA PARDO BAZÁN A EXPOSICIÓN "MIL E UNHAS ABELLAS ESENCIAIS PARA A VIDA"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A mostra poderá visitarse desde hoxe e ata o 28 de xuño de forma totalmente gratuíta

Sanxenxo, 17 de xuño de 2024.- A entrada do Pazo Emilia Pardo Bazán acolle desde hoxe a exposición "1000 e 1 abellas esenciais para a vida" organizada pola Fundación Oxígeno en colaboración con Ecoembes, a través do proxecto Reciclos e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A mostra foi inaugurada esta mañá polo concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres; a concelleira de Educación, Nati Parada, e técnicos da Fundación Oxígeno cunha visita dos escolares da Florida. Durante a visita educativa tratouse a importancia das abellas para a agricultura, a paisaxe e a biodiversidade. Tras a explicación realizouse un xogo para comprobar o aprendido coa exposición.

A mostra, que se manterá aberta ata o 28 de xuño e poderá visitarse de forma totalmente gratuíta en horario de apertura do Pazo, consta de 14 paneis enmarcados de 1,40 x 0,90 metros en caballetes estilo rústico. Un recuncho apícola formado por unha colmea antiga, unha colmea moderna, mostrario de ferramentas apícolas, unha simulación de xardín, abellas decorativas, un maniquí con traxe de apicultor, flores, plantas e unha mesa con meles de diferentes procedencias e elementos derivados do mel.

No mundo hai máis de 20.000 especies de abellas, 1.000 na península Ibérica, pero só unha é a máis coñecida, a "bella do mel" (Apis mellifera) coa cal convivimos desde tempos ancestrais, sabendo aproveitar non só ese servizo ecosistémico de polinización de campos e cultivos, senón tamén, o seu rico mel e outros produtos de gran valor con diferentes usos, sendo tamén un aporte para a economía familiar e rural.

Non entanto, existen diferentes motivos que están a reducir alarmantemente as poboacións de insectos polinizadores silvestres, así como das abellas domésticas. As súas ameazas son a agricultura industrial co uso excesivo que fai de praguicidas e monocultivos parásitos, enfermidades e especies invasoras competidoras, xunto aos incendios a contaminación a urbanización desmesurada e o cambio climático. Cambiar algúns dos nosos hábitos de consumo, fomentar a educación, formación e investigación e, sobre todo, coidar máis o Planeta, son parte da solución.

0
0
0
s2sdefault