Concello de Sanxenxo - A MONTAXE DE "PORTONOVO VILLAGE" ARRINCA NO PASEO DE BALTAR CUN TOTAL DE 80 CASETAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os postos abrirán ao público o próximo 29 de xuño recreando unha auténtica vila mariñeira

Sanxenxo, 19 de xuño de 2024.- Madeira Arquitectura xa iniciou estes días a montaxe do "Portonovo Village", feira na que se recreará un auténtico pobo mariñeiro en pleno Paseo de Baltar. Un total de 80 casetas, fabricadas especialmente para esta cita, e co que o Concello ingresará 110.000 euros. Os postos abrirán ao público o próximo 29 de xuño.

A empresa adxudicataria xa iniciou hai días a complexa montaxe que contará con pérgolas de madeira e teas a modo de vela de barco, ao longo de toda a simulación do poboado mariñeiro. A feira incluirá cinco casas fabricadas con imitación a pedra, a tamaño real, con nove metros de longo por catro de fondo e outro catro de alto, ademais de arcos de soportais e balcóns.

O deseño do conxunto estará totalmente adaptado á estética mariñeira, que se pode apreciar visualmente coa cor branca e azul das casas de madeira e do paseo, onde haberá postes en cor branca e xanelas tipo "ollo de boi", embelecidas con decoracións de áncoras ou flotadores náuticos.

As redes mariñeiras estenderanse, á súa vez, por todo o paseo no percorrido da feira, e complementaranse con outros elementos decorativos, como unha barca ou unha estatua coa mesma temática. Tamén se instalará unha iluminación decorativa con 3.000 metros lineais de cable e 6.000 lámpadas repartidas por toda a superficie das pérgolas de sombreo.

A proposta de venda será variada, desde complementos ata artigos téxtiles, aínda que estes sempre terán que responder a un estándar de calidade. En todo caso, quedan excluídos do ámbito os postos de carácter alimentario, sen que poida destinarse ningunha caseta á venda ou comercialización de calquera produto alimenticio ou bebidas.

0
0
0
s2sdefault