Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO PORÁ A DISPOSICIÓN DA CONSELLERÍA DE SANIDADE DÚAS VIVENDAS PARA MÉDICOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Ambas as administracións renovan o convenio de colaboración que terá vixencia desde o 1 de xullo ata o 1 de setembro

Sanxenxo, 21 de xuño de 2024.- Na liña de colaboración e mellora da calidade dos servizos de atención primaria en Sanxenxo, o Concello porá a disposición da Consellería de Sanidade dúas vivendas no municipio para médicos que residan fóra de Galicia. Deste xeito, ambas as administracións renovan o convenio, subscrito con éxito en 2022 e 2023, desde o 1 de xullo e ata o 1 de setembro. Un período no que o municipio multiplica nalgúns casos por ata cinco a súa poboación e require un importante reforzo asistencial.

O custo do aluguer destas dúas vivendas situadas en Miraflores e na Rúa Vidal Rocha, con dúas habitacións, un salón e un baño, é de 11.000 euros. O obxectivo desta medida temporal é que a asistencia médica de veciños e turistas non se vexa mermada por este crecemento poboacional."Queremos que veciños e visitantes teñan a mellor asistencia sanitaria pública durante períodos como o verán cando medra de forma exponencial a poboación. Funcionou en anos anteriores e repetimos", asegura o alcalde, Telmo Martín.

Esta colaboración préstase de forma extraordinaria mentres non se solucione o problema latente de falta de médicos pola insuficiente convocatoria de prazas en Atención Primaria por parte do Ministerio de Sanidade. A Consellería de Sanidade acaba de anunciar o contrato de catro médicos a maiores do cadro de persoal habitual, que posibilitará ter dúas consultas diarias para desprazados, e o reforzo dos efectivos da PAC de maneira que haberá dous equipos de médicos e enfermeiras durante todo o verán.

Ademais, como en anos anteriores, a ambulancia de soporte vital avanzado terá a súa sede en Sanxenxo nos meses de verán.

0
0
0
s2sdefault