Concello de Sanxenxo - SANXENXO AUTORIZA UN TOTAL DE 266 FOGUEIRAS DURANTE A NOITE DE SAN XOÁN CON 2.673 ASISTENTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 21 de xuño de 2024.- O Concello de Sanxenxo tramitou un total de 266 permisos para a celebración das fogueiras de San Xoán. Do total, 10 realizaranse en Caneliñas, 6 en Silgar, 1 en Panadeira, 6 noutros espazos públicos e 243 en leiras privadas. Nas autorizacións inclúese o número de participantes que suman un total de 2.673 asistentes. A cifra deste ano é unha das máis altas das últimas edicións.

O Concello porá en marcha un operativo especial da Policía Local, Emerxencias e o servizo de limpeza. O horario de vixencia para a autorización das fogueiras será exclusivamente para esta noite, desde as 22 horas ás 6 horas do 24, período no que quedará prohibido o baño. As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21 horas e ao seis da mañá evacuaranse as praias para a súa limpeza garantido que estarán en perfectas condicións á primeira hora da mañá.

Por motivos de seguridade, non estará permitido o uso de tendas de campaña nin tampouco de faroliños tailandeses. Outras medidas preventivas son a colocación de valos para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza. Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras nos devanditos areais atópase a queima unicamente de leña limpa e en ningún caso de materiais plásticos, madeiras pintadas ou con cravos. Tampouco se poderán levar á praia botellas ou vasos de vidro, nin reproducir música cun volume que poida molestar a zonas de vivendas.

Doutra banda, segue aberto o prazo para solicitar os permisos para San Pedro ata o 27 de xuño ata as 14:30 horas.

Festas en Nantes e Aios
Ademais, as parroquias de Nantes e Aios celebran esta fin de semana as festas en honra a San Xoán e Santa Ana con tres días de celebración. En O Santo, o domingo 23 haberá sardiñada e churrasco, tampouco faltará a música e as celebracións litúrxicas durante as dúas seguintes xornadas. En Aios festexará San Xoán durante tres días que dará comezo o domingo e culminará o martes, 25, con música e misas en honra ao santo.

0
0
0
s2sdefault