Concello de Sanxenxo - A PRIMEIRA FASE DO NOVO MERCADO DE SANXENXO ESTARÁ CONCLUÍDA A PRINCIPIOS DE OUTUBRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde, Telmo Martín, visitaron esta mañá a obra

Sanxenxo, 23 de xullo de 2024.- A principios de outubro, estará concluída a primeira fase do novo mercado de abastos de Sanxenxo coa que se creará unha gran praza pública e un paso inferior que, ademais de viario de saída, permitirá dotar a zona cun total de 32 estacionamentos subterráneos. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Telmo Martín, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, durante a visita á obra que non parará durante o período estival.

O alcalde agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia neste proxecto a través da firma de convenio no que o goberno galego achega 1 millón de euros e o Concello, o investimento restante, algo máis de 1,3 millóns. "Grazas, grazas e grazas por colaborar en proxectos tan importantes e dinamizadores nunha zona comercial como esta", sinalou.

O Concello convocou un concurso de ideas para a execución dunha intervención integral na que se inclúe o novo edificio do mercado e dependencias municipais. A proposta gañadora, ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade. A intervención reduce o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e imponse a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo.

"Galicia é fermosa e Sanxenxo é fermoso. Alcalde sabes que tanto dende a Xunta como dende esta Consellería vas seguir contando coa nosa colaboración en actuación como esta que axuda a amosar a beleza do municipio", indicou a conselleira.

Na segunda e última fase, levantarase un edificio multifuncional acristalado de cinco plantas. A primeira e segunda planta estarán destinadas ao mercado de abastos e espazo gastronómico; as plantas intermedias dedicaranse á biblioteca municipal e aulas de estudo, servizos sociais e muller. A quinta está pensada como espazo gourmet cunha ampla terraza.

Ao final da visita, a conselleira desprazouse camiñando ata o Concello de Sanxenxo onde foi recibida por concelleiros de goberno e o edil socialista, Fernando Otero, para asinar no Libro de Honra e manter un encontro de traballo

0
0
0
s2sdefault