Concello de Sanxenxo - SANXENXO E ESPINA & DELFÍN FOMENTAN O CONSUMO RESPONSABLE DE AUGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A campaña "Está na túa man, cerra a billa cando toca" ten como obxectivo concienciar aos veciños e anticiparse a situacións de seca

Sanxenxo, 24 de xullo de 2024.- O Concello de Sanxenxo e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, fomentan o consumo responsable de auga coa campaña "Está na túa man, cerra a billa cando toca". O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso adecuado dos recursos naturais.

Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga, nas redes sociais e páxinas web de ambas as entidades.

A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para esta época estival teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é importante realizar un consumo eficiente da auga potable.

Durante 2023, no municipio de Sanxenxo o consumo medio mensual foi de 188.568 metros cúbicos. Esta cifra superouse durante os catro meses centrais do ano (desde xuño ata setembro) e alcanzouse o pico de maior consumo de auga en agosto, con 376.839 m3, e en xullo, 335.324 m3. Xullo e agosto levan sendo os meses de maior consumo de auga potable nos últimos catro anos.

Xullo 2020 328.969 m3
Agosto 2020 324.345 m3
Xullo 2021 311.828 m3
Agosto 2021 365.339 m3
Xullo 2022 340.818 m3
Agosto 2022 366.275 m3
Xullo 2023 335.324 m3
Agosto 2023 376.839 m3

Pola contra, os meses de menor consumo foron febreiro de 2021 (102.351 m3), novembro de 2022 (73.383 m3) e febreiro de 2023 (112.591 m3).

Co obxectivo de facer un consumo responsable de auga, esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga como pechar a billa mintas nos cepillamos os dentes, ducharse en lugar de bañarse, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.

Tamén hai que ter precaución con actividades típicas desta época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que se marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.

0
0
0
s2sdefault