Concello de Sanxenxo - A FEIRA DE ARTESANÍA OFEITOAMAN SANXENXO ABRIRÁ AO PÚBLICO O 2 DE AGOSTO NA PRAZA FONTE DE RAMOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 24 de xullo de 2024.- A Feira de Artesanía Ofeitoaman Sanxenxo abrirá ao público o vindeiro 2 de agosto e permanecerá aberta ata o 25 de agosto. A proposta trasládase este ano do Paseo de Baltar á Praza de Fonte Ramos en Sanxenxo, a un paso do Paseo de Silgar, con horario de 12 a 14 e de 19 a 24 h, todos os días.

A inauguración oficial terá lugar o sábado, 3 de agosto, cun percorrido dos polas distintas casetas da feira, a partir das 12 da mañá. Un total de 21 obradoiros artesáns galegos e de fóra de Galicia expoñen as súas creacións para sumarse a oferta de turismo de calidade do Concello de Sanxenxo.

A praza de Fonte de Ramos encherase durante os 24 días de feira de creacións con nome e apelidos, dos oficios de xoiería e pratería, madeira, artigos de coiro, roupa e complementos, bixutaría, calzado, cerámica, vidro, esmaltes, pedra, instrumentos musicais….

O cartel da feira recupera unha versión ilustrada da icónica Madama de Silgar, realizada polo ilustrador Javier Fernández Carrera, Pinturero.

A celebración de Ofeitoaman Sanxenxo é o resultado do firme compromiso do Concello de Sanxenxo por poder desenvolver un evento feiral artesán que aspira a ser o referente do sector no verán galego, sinaladamente para todo o contorno do Salnés e as Rías Baixas, vinculado ao turismo de calidade que este concello ten por sinal identitaria.

A Asociación Galega de Artesáns, entidade que xestiona a feira logo da concesión do concurso público para a súa organización, é unha asociación profesional sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é a promoción e defensa de todas as actividades e oficios artesanais, e asemade, a mellora das condicións nas que ás persoas artesás exercen o seu oficio.

Ofeitoaman Sanxenxo conta coa apoio e colaboración para a súa celebración da Fundación Pública Artesanía de Galicia e co da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

0
0
0
s2sdefault