Concello de Sanxenxo - MÁIS DE 14.000 VIAXEIROS UTILIZARON XA AS DÚAS NOVAS LIÑAS CIRCULARES E A LANZADEIRA EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



Sanxenxo, 2 de agosto de 2024.- Un total de 14.168 persoas utilizaron xa as dúas novas liñas de buses circulares e a lanzadeira posta en marcha a finais de xuño en Sanxenxo. Os datos facilitados pola empresa que xestiona o transporte revelan que 13.047 viaxeiros subíronse aos dous autobuses que percorren, cada hora, a costa e 1.121, utilizaron o bus que conecta o parque empresarial de Nantes con Sanxenxo e Portonovo. O servizo que se estenderá ata o próximo 8 de setembro preséntase como unha alternativa de mobilidade sustentable que facilite os desprazamentos polo municipio durante a tempada estival cando a poboación chégase a multiplicar por cinco.

O alcalde, Telmo Martín, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, realizaron esta mañá balance deste primeiras cinco semanas. "A falta dos datos do mes de agosto, o que queda claro é que Sanxenxo precisa dun servizo de transporte público no verán e que este servizo veu para quedar", asegurou. "Por suposto, haberá que facer axustes no servizo e nos horarios cando xa, unha vez rematado, contemos cun estudo detallado co que se poderán tomar as decisións pertinentes", incidiu.

Outro dato do interese crecente polo servizo é que tanto os buses circulares como a lanzadeira multiplicou por tres o número de usuarios desde a primeira ata a quinta semana pasando no primeiro caso de 956 viaxeiros a 3.052 e no segundo, de 88 a 261.

Reguera destacou que este servizo está enmarcado dentro do convenio co plan de transporte público de Galicia  "polo que as persoas usuarias das novas liñas municipais de autobús poderán beneficiarse dos descontos e vantaxes da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), con bonificacións que na actualidade chegan ao 50%". Ademais, recalcou que "os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova e todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG viaxan de balde".

0
0
0
s2sdefault