Concello de Sanxenxo - OS SOCORRISTAS DE SANXENXO REALIZARON 6.859 INTERVENCIÓNS EN PRAIAS DURANTE O PASADO MES DE XULLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os avisos a bañistas en perigo e as advertencias por incumprimento da ordenanza concentran 2.590 casos no balance global

Sanxenxo, 3 de agosto de 2024.- Os socorristas de Sanxenxo realizaron un total de 6.859 intervencións en praias durante o pasado mes de xullo. No balance mensual, as actuacións das embarcacións que vixían desde o mar suman 1.150 e o resto, 5.709 rexistráronse no areal. Os avisos a bañistas en situacións de perigo (1.452) e as advertencias por incumprimento da ordenanza de praias (1.138) concentran 2.590 casos no balance global.

Non faltaron tampouco as tradicionais picaduras de faneca, o servizo tivo que atender 727 casos. O maior número na praia de Silgar (179) seguida de Canelas (166), Montalvo (93), O Espiñeiro- A Lanzada (55) ou Areas (42). Os socorristas tamén axudaron a localizar a 14 persoas perdidas durante o mes de xullo nos areais e recibiron nas súas bases a 55 persoas con picaduras de insectos, 691 con feridas de distinto tipo, 56 con danos nos ollos e oídos e 13 con escordaduras.

No mar, realizáronse 720 avisos por infraccións de embarcacións, retiráronse 42 elementos perigosos para a navegación e realizáronse 3 rescates acuáticos. Afortunadamente, non se rexistrou ningunha incidencia de gravidade nin en terra nin en mar.

En canto ao número de incidencias por praias, Silgar concentra 1.630 intervencións seguida de Baltar (951), Canelas (687) e Areas (525). Pola contra, na Lapa só rexistráronse 4 intervencións e en Area de Agra 54.

Cabe lembrar que o horario do servizo de socorrismo nos 17 areais con bandeira azul é de 12 a 20 horas. A praia de Silgar, debido á súa afluencia de público durante o verán, conta cun horario máis amplo, desde as 11:30 até as 20:30 horas. Cada un dos postos de socorrismo conta, ademais de con o material sanitario habitual, cun desfibrilador, mochila de emerxencia e bombas de osíxeno..

0
0
0
s2sdefault