Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONCEDE AS CEBOLAS DE OURO 2024 Á EXTRABAJADORA DE TELEFONÍA, LOLA VILLALUSTRE, E AO CÓMICO E TIKTOKER, XURXO CARREÑO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 O acto de entrega da insignia será o mércores, 4 de setembro, ás 12:30 horas no recinto portuario

Sanxenxo, 23 de agosto de 2024.- A extraballadora de telefonía, Lola Villalustre, e o cómico e tiktoker, Xurxo Carreño, serán galardoados o próximo 4 de setembro, día de Santa Rosalía, coas Cebolas de Ouro 2024. Así o decidiu por unanimidade o xurado, presidido polo alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, convocado por primeira vez para a elección deste premio.

Nel estiveron representados as sete parroquias que conforman o Concello, así como Entretendas e o CETS. O acto de entrega das insignias terá lugar ás 12:30 horas no recinto portuario no marco da XLII Feira da Cebola.

Lola Villalustre Fernández, de 89 anos, foi durante máis de vinte anos "unha moza do cable" ao contar no seu propio domicilio cunha central de telefónica en pleno centro de Sanxenxo en Rúa Progreso. Foi o fío condutor nos anos 60 e 70 de miles de conferencias e comunicacións de veciños e visitantes co exterior. O oficio iniciouno a súa nai e ela seguiuno con mestría, sempre discreta e sempre cun sorriso, algo que non perde, a pesar de estar afectada por unha enfermidade neurodexenerativa. Nai de tres fillos, dúas nenas e un neno, que tivo que sacar adiante case soa xa que o seu marido, mariñeiro, pasaba longas tempadas fóra de casa. Os que a coñecen destacan o seu bo carácter e a súa boa disposición para axudar á xente. "É moi querida polos veciños non só da parroquia de Padriñán senón de Portonovo, Vilalonga e arredores xa que ademáis de encargarse da oficina, facía chegar os avisos e recados aos veciños que chegaban á oficina sempre con adicación e profesionalidade", recolle a proposta para a súa candidatura ao premio.


Xurxo Carreño é ourensán de nacemento e veraneante durante máis de 25 anos do municipio. Desde hai pouco máis dun ano este cómico e tiktoker de éxito fixou a súa residencia en Portonovo, onde di, vive "máis tranquilo". Son varios os vídeos de paraxes de Sanxenxo que colga nas súas distintas redes sociais nas que suma xa 16 millóns de seguidores. Gañador do premio de Tik Tok Referente de Comedia do 2023. Todo comezou en 2016, tras recibir en nadal unha guitarra, comezou unha canle de YouTube e tentou lanzarse ao mundo da música. Como iso non funcionou, pasouse ás dobraxes e empezou a publicalos en Instagram. Oito meses despois, tiña 100.000 seguidores. Conseguiu que outra páxina lle promocionase e nos seguintes cinco meses alcanzara o millón de seguidores. En maio deste ano participou no Encontro Mundial de Humorismo na Coruña. "Toda unha experiencia", asegura. Non lle gusta o termo influencer, prefire cómico ou humorista de redes sociais. O seu vídeo sobre a chegada de pellets á praia de Canelas ou o vídeo de limpeza dos fondos mariños no porto de Portonovo alcanza millóns de visitas.

LOLA VILLALUSTRE 2xurxo carreño

0
0
0
s2sdefault