Concello de Sanxenxo - O 97% DAS VIVENDAS DE SANXENXO XA DISPOÑEN DO SERVIZO DE ABASTECEMENTO E AUGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As obras de Espina & Delfín, valoradas en 12 millóns de euros, simultaneanse coas realizadas a través do convenio asinado con Acuaes e Poio, cifradas en 24 millóns de euros

Sanxenxo, 20 de setembro de 2024.- As obras que está a realizar a concesionaria, Espina & Delfín, incluídas no novo contrato da auga e valoradas nun total de 12 millóns de euros, permitiron estender a rede de abastecemento e saneamento nos últimos meses a 191 familias, das 726, nas que se detectou a falta dalgún destes servizos cando saíu a concurso o ciclo da auga en 2023. A cifra supón que o 97% das vivendas de Sanxenxo xa dispoñen de ambos os servizos.

Agora queda pendente a substitución de 5.251 metros da rede de auga nas vilas e no rural. A actuación de maior calado neste apartado será a substitución da tubaxe de auga principal, de 3.790 metros, de Major a Portonovo que aínda está en fibrocemento. No apartado de saneamento, substituiranse 6.844 metros das redes principais nas vilas e no rural. Ademais, en canto a melloras na rede de abastecemento e auga, construirase un novo depósito de 5.000 m3 e melloraranse as conexións entre os diferentes depósitos e os puntos de bombeo da rede de abastecemento de auga.

As obras que se atopa realizando Espina & Delfín simultaneanse coas incluídas no convenio asinado a tres bandas entre Sanxenxo, Poio e Acuaes cifrado en 24 millóns de euros. As actuacións incluídas neste acordo contribuirán á mellora da calidade das augas da Ría de Pontevedra. Esta actuación, que foi declarada de interese xeral do Estado, comprende a ampliación da depuradora de Paxariñas, a construción de novos colectores e estacións de bombeo e a execución do emisario submarino de Montalvo. Precisamente, sobre este último, está previsto, a principios de outubro, a conexión en terra da nova tubaxe de 1.300 metros de lonxitude.

0
0
0
s2sdefault