Concello de Sanxenxo - O CICLO DE FP DUAL DE HOSTALARÍA E RESTAURACIÓN DE SANXENXO ARRINCA O LUNS COA MATRÍCULA COMPLETA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As clases prácticas realizaranse, por primeira vez, no hotel Sixto, situado en Montalvo

Sanxenxo, 20 de setembro de 2024.- O Ciclo de FP Dual de Hostalaría e Restauración arrinca o vindeiro luns coa matrícula completa. Cúmprese así un dos obxectivos que se perseguía desde a súa implantación en 2022. O alumnado comezará a súa formación no instituto de Vilalonga onde recibirá as clases teóricas e as prácticas, por primeira vez, no hotel Sixto, un establecemento situado en Montalvo. O ciclo componse de 2.000 horas lectivas repartidas en dous cursos. A concelleira de Educación, Nati Parada, acompañada do edil de Turismo, Juan Deza, e dos profesores do ciclo, Rubén Otero e José Lubiáns, visitaron as instalacións onde se encargarán de impartir a formación práctica.

O Concello chegou a un acordo con este hotel que dispón dunha cociña totalmente equipada, aseos, vestiarios e un amplo comedor. O Concello encargarase como en anos anteriores do aluguer do establecemento e o transporte en autobús dos alumnos entre o instituto e o hotel. O Concello, como fai co resto dos centros educativos, tamén se vai a encargar da limpeza das instalacións.

A FP Dual de Hostalaría e Restauración impartirase, en canto execútese a remodelación integral do edificio principal, no colexio O Cruceiro onde está previsto que comecen as obras o próximo mes de outubro. A adxudicataria do proxecto é Oreco e Balgón acometerá a reforma por 2,8 millóns de euros. O Concello conta para a actuación cunha axuda de 1,9 millóns do Programa de Impulso para a Rehabilitación de Edificios de Titularidade Pública (Pirep) que se completará con fondos propios para o orzamento total da obra. O prazo de execución é de 14 meses.

O centro atópase en desuso desde setembro de 2021, pero dada a súa situación estratéxica no centro urbano e o bo estado do edificio principal de 1.820 metros cadrados construídos, o goberno decidiu rehabilitalo para crear un espazo lúdico e multidisciplinar para o uso diario dos veciños, unha biblioteca e o Centro de Formación Profesional coa especialidade Dual de Cociña e Restauración.

0
0
0
s2sdefault