Sanxenxo, 13 de decembro de 2023.- A reforma integral do pavillón de Vilalonga entra na súa recta final a falta de completar o chapado da fachada exterior. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Obras, Yago Torres, así como a empresa adxudicataria dos traballos visitaron esta mañá as instalacións para comprobar os traballos que se prevé que conclúan definitivamente a mediados do mes de outubro.
De feito, a partir do luns volve á actividade tanto para o alumnado do IES Vilalonga en xornada matinal como dos clubs locais que o utilizan durante as tardes. A pista de xogo que, nun principio, estaba prevista en PVC foi substituída por unha de madeira de faia que ofrece un rendemento deportivo excelente. O pintado está adaptado para baloncesto, fútbol, balonmán e voleibol. A reforma inclúe ademais unha importante mellora no illamento das instalacións para acabar coas humidades que ata agora supuñan un grave problema de seguridade para a práctica das disciplinas deportivas. E é que ao perímetro exterior utilizado como franxa illante súmase os traballos na cuberta e o chapado da fachada aínda en execución.
A mellora é froito dun convenio entre o Concello de Sanxenxo e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asinado en abril do ano pasado. Tamén se acometeu o pintado e mellora de todos os espazos interiores, incluída a ampliación do ximnasio que levou a cabo durante a obra. A isto, hai que engadir a dotación dun novo vestiario para árbitros, que era unha das grandes demandas incluídas no proxecto, para mellorar a usabilidade destas instalacións deportivas.
Todas as portas dos vestiarios e accesos aos aseos foron tamén substituídas por outras de aluminio cunha maior resistencia ao desgaste e á humidade, mentres que na zona de xogo, o núcleo de escaleiras e o ximnasio volveuse a pintar tras retirar a pintura antiga. Á súa vez, tamén se pavimentou o núcleo de escaleiras e o ximnasio situado baixo a bancada.
Cabe lembrar que un dos maiores problemas do ximnasio era que carecía dunha ventilación adecuada, polo que se instalou un sistema que asegura a renovación do aire, seguindo as recomendacións de mantemento para sistemas de climatización e ventilación presentes en edificios e locais.