A proba deportiva celebrarase o vindeiro sábado 5 de outubro
Sanxenxo, 28 de setembro de 2023.- Portonovo acolle o II Campionato de Pesca a fondo desde embarcación o vindeiro sábado 5 de outubro organizado por Maragota Boats e o Club Náutico de Portonovo. O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, presentou xunto a Lidia Sueiro e Sandra Dopazo de Maragota Boats, a proba na que se repartirán máis de 5.000 euros en premios.
As inscricións poderán realizarse até o próximo 3 de outubro, e xa hai máis dunha vintena de embarcacións con 83 participantes. Cada concursante deberá abonar unha cota de 25 euros. Farase unha única inscrición e un único pago por embarcacion. As follas de inscrición poderán solicitarse en papel no Club Náutico de Portonovo, ou en formato dixital no whatsApp 616 80 82 06 e no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
A zona para realizar as capturas será libre dentro da Ría de Pontevedra e a 3 millas oeste do límite exterior de Ons, exceptuándose aquelas en as que non estea permitido. Cada embarcación poderá levar un máximo de cinco participantes que poderán realizar as capturas permitidas con cebos naturais en estado vivo ou en conserva sen ningún tipo de químico.
A proba dará comezo ás 9 horas, pero media hora antes abrirase o control de firmas de todos os participantes no porto. Ás 13:30 horas todos os barcos deberán estar no porto e trasladar as especies recollidas á lonxa para pesar.