Levará ao Pleno a aprobación do prego técnico que establece as condicións para a licitación e mellora dos servizos de limpeza
Sanxenxo, 28 de setembro de 2024.- Entre os puntos a tratar no pleno do próximo luns, 30 de setembro, destaca o expediente de contratación do servizo de recollida de lixo, a limpeza viaria e a limpeza das praias durante os próximos 10 anos. O prego supón un cambio profundo con respecto ao servizo actual cuxa concesión xa finalizou, pero dispón dunha prórroga ata a nova adxudicación.
A xestión destes tres servizos ten un prezo anual de 4.320.737 €, o que supón melloras con respecto ao servizo actual valoradas en máis de 2 M€ anuais. Entre as novidades destacan a ampliación da cobertura dos servizos de limpeza en todo o termo municipal, o rozado das pistas do rural, o reforzo do servizo nos meses de ocupación media como abril, maio e outubro. Ademais, está previsto a construción dunha nave de 2.000 m2 en dúas parcelas municipais e a compra de vehículos e maquinaria, valorado todo iso en case 7 M€.
O prego contempla moitas máis novidades, a continuación, cítanse algunhas:
Recollida de lixo:
- Substitución dos colectores de todo o termo municipal dotados con sensores do nivel de enchido.
- Implantación da recollida dos residuos orgánicos, colector marrón, en todo o termo municipal.
- Recollida do colector marrón e gris os sete días da semana na tempada alta e media e seis días na tempada baixa.
- Recollida porta a porta para a canle Horeca e hostalaría (hoteis, pensións, cámpings) diaria.
Limpeza viaria:
- Subministración, mantemento e recollida de papeleiras
- Limpeza de beirarrúas, calzadas, espazos públicos e zonas peonís.
- Limpeza de manchas de aceites, graxas, ceras, chicles, etc.
- Limpeza de mercados e mercadillos.
- Limpeza de actos festivos e eventos, anterior e posterior á súa celebración.
- Eliminación de malas herbas en bordos e beirarrúas, escaleiras, etc.
- Varrido manual e mecánico de beirarrúas e calzadas.
Limpeza de praias:
- Limpeza manual, mecánica, despedregado de area e retirada de residuos
- Arado en profundidade para oxigenación da area.
- Limpeza de pasarelas de madeira, acceso de escaleiras e lavapies.
- Recollida de lixo en colectores.
- Limpeza manual de algas e mecánica cando se produzan grandes acumulacións e retirada a instalación de tratamento e/ou eliminación autorizada.
- Limpeza de WCS.
Vehículos e materiais:
- Os vehículos necesarios para o servizo poderán incorporar o sistema mellorado dual diesel-gas, etiquetaxe como ECO pola DXT.
- Sanxenxo ten 651 illas de residuos e máis de 2.000 colectores que a adxudicataria terá que renovar por novos provistos de sensor de nivel de enchido.
- Instalación das papeleiras necesarias e o seu mantemento.
No pasado mandato puxéronse as bases para a modernización dos servizos de saneamento, abastecemento e depuración en execución nestes momentos cun investimento de 36 M€ entre o convenio de Acuaes e a concesionaria. Neste mandato o goberno propúxose transformar completamente os servizos de limpeza para melloralos, ampliar a súa cobertura en todo o termo municipal e poder dedicar máis recursos ao coidado e mantemento do rural.