Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLERÁ A PRIMEIRA EDICIÓN DO TROFEO INTERNACIONAL VILA DE PORTONOVO DE KAIAK DE MAR CON MÁIS DE 158 PADEEIROS E 24 CLUBS INSCRITOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

A proba celebrarase o vindeiro domingo 6 de outubro a partir das 10:30 horas

Sanxenxo, 1 de outubro de 2024.- Sanxenxo acollerá o vindeiro domingo a primeira edición do Trofeo Vila de Portonovo de Kaiak de Mar con máis de 158 padeeiros e 24 clubs inscritos. Membros do comité organizador da proba, presidido polo concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, presentaron esta mañá a proba no Club Náutico de Portonovo. "Portonovo é un referente do piragüismo e pareceunos desde un primeiro momento moi interesante contar con esta proba que estou seguro consolidarase no noso calendario deportivo", asegurou Guisasola.

Na presentación tamén estivo o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, que asegurou que "o kaiak de mar é un dos buques insignia do piragüismo que ademais é probable que sexa modalidade olímpica nos próximos xogos olímpicos e se, ademais, é nunha ría e nun concello como Sanxenxo que sempre apoia ao deporte náutico, pois moito mellor", dixo.

Haberá dous percorridos diferentes, segundo a categoría, que foron trazados polos presidentes do Club de Piragüismo de Portonovo, Alberto Rodríguez, e do Olívico de Vigo, José Besada. Os cadetes que comezarán a súa competición ao fío das doce da mañá sobre 5000 metros para cadetes, e os xuvenís, seniors e máster que o farán xusto no dobre en 10. 000 metros

Os maiores partirán ás dez e media da mañá da praia de Major para pasar polo Faro Picamillo e rematar na praia de Baltar. Os cadetes sairán deste punto para efectuar a 2.500 en Punta Faxilda unha ciaboga e retornar a Portonovo. A clausura e entrega de medallas está previsto para as 13:30 horas.

Entre os clubs inscritos atópanse pola provincia de Zamora, o Sangregorio Piragua Cidade de Zamora. Pola zona norte Cabanas, Miño, Noia, Cambre, Narón e Rianxo. Pola provincia de Ourense, o Fluvial do Barco de Valdeorras e polo sur, Breogán do Grove, Olívico de Vigo, Pescadores de Portonovo, Piragüismo Cambados, Poio Conservas Pescamar e Kaiak Vigo, que con 27 embarcacións é o que ostenta a frota máis numerosa entre os clubs participantes, Tudense, Cobres, Ribadumia, Illa de Arousa, Río Verdugo, Piragüismo Vilagarcía e Real Club Náutico Rodeira de Cangas.

0
0
0
s2sdefault