Sanxenxo, 3 de outubro de 2024.- A concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, visitou esta mañá ao grupo de inmigrantes de Mali aloxados desde mediados de setembro en Sanxenxo. Acompañada do coordinador de Accem en Galicia, Daniel Bóveda, acudiu á Casa de Cultura de Dorrón onde desde hai días reciben clases de español e realizan talleres de contextualización. O idioma é nestes momentos o principal escollo para a súa integración. "Sabemos que vides dun pasado moi difícil, que aínda é o voso presente, e estamos aquí para axudarvos", así iniciou Lago a súa intervención para dirixirse ao grupo.
O Concello porá a disposición de Accem diferentes espazos municipais, sempre en horario compatible coas actividades xa previstas para que poidan practicar exercicio, pero tamén programará en coordinación coa oenegué actividades de intercambio de experiencias en centros educativos, asociacións, clubs deportivos, así como talleres de seguridade viaria e primeiros auxilios coa Policía Local e Emerxencias Sanxenxo. "Sanxenxo é solidario e volverá estar a altura tanto a nivel público como privado. Xa hai entidades dispostas a colaborar como Monbus con desprazamentos gratuítos ou Goypa Laboral con chalecos para poder camiñar pola noite con seguridade", explicou Lago.
Pola súa banda, Daniel Bóveda agradeceu "a colaboración brindada dende o Concello de Sanxenxo un ano máis en todas as actividades que imos realizar para a socialización e integración destas persoas que están aquí porque no seu país non poden vivir en paz".
Á espera de que reciban o permiso de traballo, xa hai varias empresas que contactaron con Accem para mostrar o seu interese en determinados perfís de traballadores. "Xa hai empresas interesadas en contratalos o que nos dá pé a pensar que algún deles podería quedar por aquí traballando e empezando unha nova vida", dixo Paz Lago.