A concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, reuniuse con axentes sociais para exporlles o documento
Sanxenxo, 4 de outubro de 2024.- Sanxenxo avanza na axenda urbana coa que concorrerá a novos fondos europeos. A concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, reuniuse esta semana con axentes sociais e colectivos do concello para exporlles o documento que marcará as actuacións estratéxicas que se realizarán en Sanxenxo nun prazo máximo de seis anos seguindo os criterios da Axenda Urbana de Nacións Unidas e a Axenda Urbana para a Unión Europea. A fase de participación cidadá é o paso previo para a elaboración do Plan Estratéxico de Acción Local.
O Programa Operativo Plurirrexional en España (POPE) contempla 1.767 millóns de euros para cada un dos seus obxectivos que buscan promover un desenvolvemento social, económico e ambiental integrado e inclusivo, así como a cultura e o patrimonio natural, o turismo sustentable e a seguridade nas zonas urbanas.
Entre as actuacións contempladas no documento atópase a construción de vivenda pública, iluminación pública LED 100%, parking disuasorio, carrís bici, creacións de áreas recreativas, conexión de núcleos urbanos, rehumanización de Baltar, executar a senda da Ría de Arousa, peonalización de zonas 30, rehabilitación de muíños, pór en marcha camiños escolares, programas de violencia de xénero. Habilitar espazos de conciliación e ludoteca. Tamén se inclúe algunha xa executada como a rehabilitación da Praza do Pazo ou xa en marcha como a rehabilitación do antigo colexio O Cruceiro, a nova praza de abastos de Sanxenxo, a mellora na nova xestión de residuos e da auga ou o plan de medidas antifraude.
No encontro os participantes tamén achegaron as súas ideas e as súas principais preocupacións que se centraron no acceso á vivenda, a mobilidade e o emprego de longa duración.