Concello de Sanxenxo - UNIJEPOL E FETEVI DISTINGUEN COA MEDALLA DE OURO AO POLICÍA ABELARDO MARTÍNEZ POLO SEU PAPEL NA EDUCACIÓN VIARIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O axente local de Sanxenxo recibirá a distinción o próximo 19 de novembro no Ifema de Madrid

Sanxenxo, 8 de outubro de 2024.- Sanxenxo logra un novo recoñecemento en educación viaria a través do seu policía local, Abelardo Martínez, que será distinguido o próximo 19 de novembro pola Unijepol e Fetevi coa máxima categoría, a Medalla de Ouro, pola súa traxectoria profesional e o seu firme compromiso coa formación en seguridade viaria. A entrega de distincións será o próximo 19 de novembro no Ifema de Madrid no marco do evento Global Mobility Call.

O axente Abelardo Martínez leva desde 2008 impartindo formación en seguridade viaria en Sanxenxo e mesmo fóra do municipio, pero foi en 2012 cando creou ao monicreque O Poli Paco, ao que seguiu Ero o Bombeiro, o avó Nicolás e a Poli Lola. Unha idea que xurdiu como unha forma de achegarse aos escolares e que marcou unha tendencia a nivel nacional en materia de seguridade viaria. O seu modo de impartir seguridade viaria nos colexios fíxoo merecedor de diversos premios como a medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria ou o Cidadán Ponlle Freo. Martínez participou en distintos foros, charlas e congresos celebrados en distintos puntos de España para achegar a súa visión sobre a seguridade viaria e como concienciar aos máis novos. Ademais da rotonda do Poli Paco do colexio da Florida, este ano as concellarías de Educación e de Seguridade Cidadá e Emerxencias publicaron o conto "Aprende seguridade viaria co Poli Paco", un total de 2.000 exemplares que xa están a chegar aos centros educativos do municipio.

As distincións nacionais de educación viaria para as policías locais teñen como obxecto realizar un recoñecemento público aos compoñentes individuais das policías locais, aos servizos de Policía Local e aos seus Centros Oficiais de Formación dependentes dos municipios ou das comunidades autónomas, cuxa actuación no ámbito da educación viaria fíxose merecedora de distinción. A través deles, Unijepol e a Federación Española de Técnicos en Educación Viaria (FETEVI), en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Dirección Xeral de Tráfico pretenden impulsar as boas prácticas que, en materia de educación viaria, están a desenvolver os municipios e os seus policías locais.

0
0
0
s2sdefault