Un total de 25 equipos de seleccións autonómicas daranse cita nesta proba
Sanxenxo, 8 de outubro de 2024.- Sanxenxo acolle os próximos 11 e 12 de outubro o XLII Campionato de España de Pesca Submarina e o X Open de Veteranos, organizados polo Club Subacuático Sotavento en colaboración co Concello de Sanxenxo e a Federación Galega de Pesca. No campionato de España participarán un total de 25 equipos, formados por tres integrantes cada un, e no open de veteranos, de máis de 50 anos, serán 5 equipos. Entre os deportistas participantes no campionato de España atópanse tres veciños do municipio como Jacobo García, campión mundial de pesca submarina en 2023, Manuel Paredes e Jesús Míguez.
A zona de pesca habilitada para o campionato será desde Area de Bon ata o porto de Aguete e a saída realizarase o sábado a as 9 horas desde o porto de Sanxenxo. Todas as especies capturadas, nas que se descartan os cefalópodos, destinaranse ao Banco de Alimentos de Pontevedra e deberán estar na zona de pesada na Praza do Mar ás 14 horas.