Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO TEN EN MARCHA UN TOTAL DE 10 OBRAS POR VALOR DE 27,2 MILLÓNS DE EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos de maior custo concéntranse na mellora do saneamento, abastecemento e depuración

Sanxenxo, 11 de outubro de 2024.- O Concello de Sanxenxo ten nestes momentos en execución un total de 10 proxectos por valor de 27,2 millóns de euros. Sen contar as actuacións pendentes de inicio ou en licitación, como a rehabilitación do colexio O Cruceiro, a renovación do céspede do campo de fútbol de Noalla e Baltar, a remodelación da Telleira, entre outros. Os traballos de maior contía económica concéntranse nas melloras de saneamento, abastecemento e depuración froito do convenio con Acuaes, así como as obras incluídas no novo contrato da auga adxudicado a Espina & Delfín. Aínda que ambos os proxectos suman un investimento de 36 millóns, nestes momentos os traballos céntranse no novo bombeo de Areas, a depuradora de Paxariñas, o emisario de Montalvo, así como a renovación da nova tubaxe de abastecemento e saneamento que suman 14,5 millóns de euros.

A transformación do miradoiro da Peixeira e a humanización do campo de San Roque comezou hai xa dúas semanas. Cun custo que rolda o millón de euros búscase a ampliación do espazo peonil, mellorar a accesibilidade e renaturalizar o tramo de costa. O prazo é de case catro meses.

A rehabilitación integral do Pazo Emilia Pardo Bazán prevese que estea listo a finais deste ano. Cun orzamento de 1,4 millóns de euros, mellorará as instalacións ao completo, conseguindo un edificio moito máis eficiente e accesible.

A segunda fase do Pazo de Quintáns permitirá dotar o espazo multifuncional de eventos que permita acoller pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade de aproximadamente 128 persoas sentadas e 222 de pé. Ademais, habilitarase un aparcadoiro na leira oeste anexa, que disporá de 27 prazas, así como a recuperación do hórreo e o acondicionamento do xardín. O orzamento da actuación rolda os 800.000 euros.

O pavillón de Vilalonga está a piques de finalizar coa colocación do chapado nas paredes exteriores para mellorar o illamento do edificio. Entre os cambios máis destacados que se realizaron está a substitución do chan de PVC por un de madeira de faia que ofrece unha melloría no rendemento deportivo, ademais da incorporación de melloras significativas no illamento para resolver os problemas de humidade. A obra rolda os 300.000 euros.

A primeira fase do mercado de Sanxenxo está a piques de concluír. Nela inclúese un paso inferior co que evitar a conxestión do tráfico e a inseguridade viaria de saída e déixase lista a parcela para o levantamento do edificio do novo mercado de Sanxenxo. A obra rolda os 2,3 millóns de euros. Despois de alcanzar este obxectivo, levantarase un edificio de cinco plantas nunha fase posterior. A primeira e segunda serán destinadas ao novo mercado de abastos e espazo gastronómico; as plantas do medio dedicaranse á biblioteca municipal e aulas de estudo, servizos sociais e muller.

Tamén avanzan a bo ritmo as obras da nova nave de servizos do parque empresarial que contará cunha superficie de 3.800 metros cadrados e custará un total de 2,2 millóns de euros (IVE incluído). O prazo de execución da obra é de dez meses. Esta construción, permitirá ás arcas municipais un aforro de 40.000 euros ao ano que, actualmente, pagan en concepto de aluguer dun almacén

0
0
0
s2sdefault