O alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiron formación de RCP con Santiago Salomón, traballador de Emerxencias de Sanxenxo
Sanxenxo, 15 de outubro de 2024.- A concelleira de Educación, Nati Parada, acompañada do policía local Abelardo Martínez e a ilustradora Yoli Martínez, desprazáronse esta mañá aos colexios de O Telleiro e de Magaláns para realizar a repartición e presentación dos exemplares "Aprende seguridade viaria co Poli Paco". No caso do centro educativo de Noalla, o alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu formación de RCP con Santiago Salomón, traballador de Emerxencias de Sanxenxo.
Antes da repartición dos exemplares ao alumnado de 6º de Infantil e 1º, 2º e 3º de Primaria, Abelardo Martínez, coa axuda do Poli Paco e a Poli Lola, e Yoli Martínez presentaron o libro do que se repartirán un total de 2.000 exemplares en todos os centros educativos do municipio. "Cremos na educación viaria e na aprendizaxe das normas dende o colexio para que de maiores sexan adultos responsables e respecten as normas. No caso de Sanxenxo temos a sorte de contar co Poli Paco que é unha figura recoñecida por todos e todas", asegura Nati Parada.
O libro é unha nova ferramenta de traballo escolar. Hai cancións en códigos QR, figuras para colorear e espazos do municipio como un atardecer na Lanzada, o parque da Panadeira, a senda do río Pintillón en Dorrón ou a bandeira de Sanxenxo para que os nenos poidan familiarizarse coa contorna. As normas de seguridade viaria tamén aparecen en pictogramas para facilitar a aprendizaxe de nenos e nenas con TEA.