Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PROPÓN A COVSA PARA REALIZAR A MELLORA DO VIARIO ENTRE GONDARIÑO E CARBALLO EN VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A licitadora oferta realizar os traballos por 53.529 euros dos que unha parte serán subvencionados pola Agader

Sanxenxo, 25 de outubro de 2024.- O Concello de Sanxenxo propón a Covsa para realizar a mellora do viario municipal entre Gondariño e Carballo en Vilalonga.
A licitadora presentou a mellor das cinco ofertas presentadas e comprométese a realizar a actuación por 53.529 euros que supón unha rebaixa de máis de 10.000 euros sobre o prezo de saída a concurso. O Concello conta cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

O camiño atópase na actualidade pavimentado con mestura bituminosa en quente, atopándose a capa de rodaxe nun estado de conservación deficiente, urxindo a súa reparación mediante a reposición completa da mesma. A lonxitude total do viario é de 1.002 metros e o ancho da súa plataforma é duns 4,30 metros de media, presentando algúns tramos bastante angostos, polo que serán obxecto de ensanche.

Ademais, existe unha zona puntual do trazado, coincidindo coa intersección do camiño con outro viario municipal procedente de terreo forestal, na que as augas, que descenden libremente por este último viario, chegan á calzada do camiño a pavimentar e crúzana transversalmente, provocando importantes arrastres e consecuentes danos no pavimento.

Para solucionalo prevese canalizar as augas procedentes do viario transversal nunha lonxitude de 10 metros cunha cuneta revestida de formigón, que recollerá e conducirá as augas a unha arqueta de rexistro que se situará na marxe esquerda do camiño a pavimentar. Desde esta arqueta habilitarase un cruzamento de calzada mediante a colocación en gabia dunha tubaxe que verterá as augas á canle existente na marxe oposta do camiño. Deste xeito, prevese canalizar adecuadamente o caudal de auga procedente do terreo forestal e evitar danos sobre o viario a tratar debidos á corrente de auga que actualmente discorre de forma superficial.

Para rematar as actuacións levará a cabo o pintado de sinalización horizontal, a colocación de sinais verticais de stop e o recrecido das tapas de rexistro afectadas polas obras de pavimentación da calzada. Coas actuacións descritas preténdese mellorar o servizo ofrecido por esta infraestrutura aos seus usuarios, pois se trata dun camiño cun relativamente elevado nivel de uso.

0
0
0
s2sdefault